Foz, 13 de Novembro, 2013. O Bloque Nacionalista Galego deu a coñecer na xornada deste martes que segundo se recolle no PXOM actualmente en fase de exposición pública unha parte moi significativa do Concello de Foz atópase fóra de ordenación co que iso implica para os propietarios das vivendas e dos inmobles que se atopan nos edificios fóra de ordenación. Segundo indicou Xoán Carlos G. Basanta “nunha vivenda ben sexa unifamiliar, ben sexa nunha vivenda que fai parte dun edificio fóra de ordenación a lexislación de aplicación establece que as únicas obras posíbeis son obras de conservación e mantemento ata o punto de que se por calquera motivo a edificación é sometida a un accidente que provoque danos irreparables o propietario do inmoble terá que proceder ao seu derrube. Pero é que ademais no propio PXOM determinase a prohibición de calquera licenza de obra de reparación ou consolidación para aquelas vivendas que se sitúen dentro do ámbito dun polígono e que deberán ser derrubadas no prazo de 15 anos. Outra das graves consecuencias que implica que un edificio quede fóra de ordenación -como todo o mundo sabe- é que o valor patrimonial da vivenda pasa a ser cero euros, ata o punto de que non se admite como aval en ningunha operación de crédito hipotecario”.
O máximo responsábel dos nacionalistas focegos sinalou que “non estamos a falar só de vivendas en solo rústico ou en zonas de protección. Sen ir máis lonxe a práctica totalidade do casco urbano de Foz, desde a entrada por Vilaxoane ata a Gasolineira en Marzán pasa a situación de fóra de ordenación. Así, no caso da Avenida de Asturias e na Rúa Concello de Lugo, redúcese o alto de edificación de B+4 a B+3 ou B+2 e tamén se reduce o fondo de 20 metros a 16 ou 12 metros. Outro tanto acontece na Avenida da Mariña onde tamén se reduce o alto de edificación de B+5 a B+4, reducindo á súa vez os fondos que pasa, en menos de 100 metros, dos 20 actuais aos 16 ou mesmo aos 7 metros. A mesma situación na Avenida Alvaro Cunqueiro onde tamén se reduce o alto de edificación de B+5 a B+4, reducindo á súa vez os fondos que pasan dos 20 actuais aos 16 ou aos 14. A mesma situación se dá na Rúa Miguel de Cervantes ou na Avenida de Viveiro onde tamén se procede a reducir unha altura e reducir o fondo de edificación. Non hai pois dúbida de que gran parte dos edificios do casco urbano de Foz quedan fóra de ordenación co grave prexuízo que se crea para as familias e ou persoas residentes nestas edificacións. Agora ben, isto contrasta coa creación no PXOM dunha ordenanza, a Ordenanza 6, que salvagarda os dereitos urbanísticos nas edificacións con licenza anterior ao PXOM e os exclúe da situación de fóra de ordenación. Esta ordenanza “especial” aplícase a terreos nos que foron outorgadas licenzas anteriores a 2007 e que ao día de hoxe non foron executadas. Está claro, que isto supón un grave prexuízo para os estándares do Plan actual e un agravio co resto”.
Os nacionalistas recalcaron que “non só o casco urbano queda na súa práctica totalidade fóra de ordenación senón que a maioría das parroquias tamén quedan afectadas debido as novas aliñacións viarias. Reparemos en Nois, nos tramos da N-642 onde todas as edificacións á man dereita dirección a Burela fican fóra de ordenación como consecuencia dunha alteración das aliñacións. Outro tanto acontece en Cangas onde ao aumentarse ata os 25 metros o ancho da estrada Cangas-Ferreira, nesa franxa quedan situadas fóra de ordenación a totalidade das vivendas que se sitúan a unha e outra beira desta área que veñen de ampliar coas novas aliñacións do PXOM. O mesmo acontece en Vilaronte é non só ao longo do viario principal, senón que chega a outros núcleos como a Cernada, A Chaira ou A Espiñeira.”
Para o BNG de Foz non hai dúbida de que estamos diante dun auténtico despropósito, posto que nin pretendéndoo sería posible deixar miles de vivendas fóra de ordenación nun Concello do tamaño do noso. Un Plan urbanístico, ao fin, dun Goberno e dun Alcalde á cabeza que en definitiva defrauda porque non aporta solucións senón máis ben problemas e inquietude para unha maioría da poboación.



















A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.



