Lugo, 15 de novembro de 2013. O vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo e delegado de Benestar Social, o nacionalista Antonio Veiga, anunciou, este venres, en rolda de prensa, que a institución incorporará nos seus orzamentos para 2014 unha liña de axudas destinada aos concellos que asuman o copago dos fármacos de dispensación hospitalaria para pacientes ambulatorios con patoloxías graves e/ou crónicas, coma cancro de mama, cancro de ril, tumores cerebrais, leucemia mieloide crónica, tumores malignos non resecábeis e/ou metastásicos do estroma gastrointestinal (GIST), artrite reumatoide, dexeneración macular ou a hepatite C crónica.
Con esta medida, desde o ente provincial preténdense paliar as consecuencias que as políticas do Goberno do Estado, respaldadas pola Xunta de Galiza, en materia sanitaria, terán nas arcas municipais e, principalmente na saúde dos galegos e galegas, e evitar que se cumpra o fin último destas políticas, que segundo explicou o vicepresidente “non é outro que excluír do sistema sanitario ás persoas enfermas”.
Antonio Veiga non precisou a cantidade económica coa que estará dotada esta partida orzamentaria asegurando que “na actualidade estase estudando tanto ese punto como o xeito de articular ditas axudas”. Pola contra, si insistiu “no compromiso da Deputación Provincial con esta cuestión, cos concellos que asumiron esta decisión e coas persoas afectadas”.
“Non estamos –continuou o Vicepresidente – ante un debate competencial, como se pretende facer ver desde a Consellería de Sanidade nun mal intento de desviar a súa responsabilidade neste asunto, nin estamos xa ante un debate orzamentario, xa que o que se recaude co establecemento do copago para os medicamentos de dispensación hospitalaria para pacientes ambulatorios con patoloxías crónicas e /ou graves non suporá a recadación dunha gran cantidade para as arcas públicas. En concreto, o impacto que conleva esta medida é ínfimo, estímase ao redor dun 0,1 por cento de gasto de medicamentos nun hospital. Estamos ante un debate máis grave que é se o Estado e a Xunta están cumprindo a súa función de preservar a saúde dos cidadáns. A función principal de calquera nivel da administración pública debe ser precisamente esa, resolver os problemas dos nosos veciños e veciñas e non crear máis dos que estes xa teñen, e iso é precisamente o que queremos facer desde a Deputación Provincial de Lugo, axudar aos lucenses afectados por esta medida”.
Maior impacto en Galiza que noutros lugares do Estado
Desde a Deputación Provincial de Lugo seguirase reclamando ao Goberno galego a non aplicación deste novo copago; tendo en conta, ademais, que, como explicou Veiga “esta medida ten en Galiza consecuencias máis devastadoras que no resto do Estado como xa aconteceu co copago de medicamentos que antes eran gratuítos e que consumen na súa maioría, por motivos de idade, persoas maiores, as cales teñen una pensión mensual un 16 por cento inferior á pensión media do Estado. En Galiza a pensión media é de 721,78 euros ao mes mentres no resto de Estado a media é de 858,1 euros mensuais. O noso país ocupa o último posto das 17 comunidades autónomas, lonxe do País Vasco, Madrid e Asturias cuxos pensionistas perciben unha pensión un 30 por cento superior. Na maioría dos fogares de pensionistas galegos a porcentaxe de renda que se dedica a pagar menciñas supera o tres por cento e se a estes dous tipos de copagos implantados polo Partido Popular engadimos o copago das próteses, o copago dos traslados en ambulancia para recibir rehabilitación ou tratamentos en centros hospitalarios, a redución da renda dos pensionistas galegos pode supor até un cinco por cento, algo inxusto que acentúa a situación de penuria económica deste colectivo”.
No mesmo senso anunciou, tamén, que continuarán urxindo ao Executivo central a derogación da Resolución do 10 de setembro de 2013, da Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, pola que se procede a modificar as condicións de financiación de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde mediante a asignación de achega do usuario. Asemade e na mesma liña seguiremos demandando do Goberno do Estado a derogación da Resolución recollida no BOE do 10 de setembro que establece a obrigatoriedade da achega do usuario para as patoloxías e a carteira de medicamentos fixadas na referida resolución.
O Partido Popular segue apostando por medidas que incrementa a exclusión social
O copago dificultará o acceso a tratamentos de enfermidades graves e/ou crónicas, provocando unha diminución da adherencia aos tratamentos o que suporá, ao mesmo tempo, una redución da súa eficacia, logrando un deterioro da saúde dos enfermos. “Ninguén, salvo os dirixentes do Partido Popular que se atreven a dicir que o copago é unha demanda social, dubidan de que estas serán as consecuencias da serie de repagos aprobada nos últimos meses”.
“É preocupante –concluíu Antonio Veiga- que en dous anos de Goberno de Mariano Rajoy o groso das medidas que aproban todos os departamentos do Executivo contribúan a incrementar a pobreza e porcentaxe de poboación en risco de exclusión social. A sanidade xunto coa educación son dous piares fundamentais para garantir o futuro dunha sociedade e son neste ámbitos onde os populares están a cruzar todas a liñas vermellas. Demostrando que nun momento de crise é posíbel facer política pensando nos cidadáns, a Deputación Provincial de Lugo seguirá apostando por garantir o benestar de todas e todos os lucenses; precisamos seguir defendendo e aprobando medidas diametralmente opostas coas que o Partido Popular afoga ao pobo.”