O Pleno extraordinario que tivo lugar este xoves na Deputación de Lugo demostrou que o Partido Popular “antepón o oportunismo político á creación de emprego”. O Grupo Popular quedou en evidencia ó limitarse a “atacar con datos sesgados e manipulados, e medias verdades contra quen precisamente crea emprego”, mentres se nega a demandarlle máis fondos á Xunta de Galicia para loitar contra o paro, cando é a administración que ten as competencias na materia. “Queda claro que ó PP non lle gusta que fagan outros o que eles non fan; non vaia ser que se demostre que existe unha alternativa á súa xestión, e queden en evidencia”, subliñou o voceiro socialista do Goberno provincial, Manuel Martínez, durante a sesión plenaria, na que foi rexeitada unha moción dos populares contra o novo plan de emprego da institución lucense.
A propia solicitude do pleno “retrata o oportunismo do PP, algo normal pois estes días vimos o paradigma da indecencia e o cinismo político cando os alcaldes populares foron a Madrid a protestar pola situación de Navantia e de Ferrol”, asegurou Martínez. A campaña partidista do PP quedou probada, pois “puideron levar ó pleno ordinario da semana pasada o debate sobre o plan de emprego, e non o fixeron”. O Deputado recalcou neste senso que os populares víronse na obriga de renunciar ás dietas pola asistencia á sesión “porque llelo reprochamos, e deulles vergonza”. O voceiro avanzou neste senso que os membros do Goberno provincial tampouco percibirán estas remuneracións.
“Pídennos que votemos contra o emprego”
Para o Executivo provincial, “é insólito, a primeira vez”, que un partido político ataca frontalmente a creación de postos de traballo: “Pídennos que votemos contra o emprego. Non só destrúen emprego, senón que cargan contra quen o crea. Recorreron ós tribunais o Lugo Emprega, que era para todos os desempregados, e protestan por este. Dálles igual”.
Manuel Martínez dixo confiar en que a mesma mobilización dos alcaldes lucenses do PP en contra do programa provincial de inserción laboral “a fagan para rexeitar o repago sanitario, o canon da auga, a suba de SOGAMA, as preferentes ou a Reforma Local, en defensa dos intereses dos seus veciños”.
Emprego e servizos sociais, compromisos prioritarios
Pola súa banda, o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que o Goberno provincial marcouse como compromisos fundamentais deste mandato o emprego e os servizos sociais. Deste xeito, o plan de inserción laboral para Concellos de menos de 5.000 habitantes é froito dese “compromiso político que asumimos”. “Non temos as competencias en emprego, pero nestes tempos toca comprometerse, por iso impulsamos este tipo de iniciativas, para solucionar o principal problema desta provincia e deste país”, explicou.
“En época de crise temos que axudar a quen o necesita e distinguir, renunciar a facer obras como tradicionalmente facía a Deputación para centrarnos no fundamental, que é que a xente o esta a pasar mal, e nalgunhas zonas da nosa provincia, peor”, subliñou para incidir en que “debemos tratar igual ós iguais, e desigual ós desiguais. Iso é polo que nós estamos en política”.
O PP destrúe emprego
Manuel Martínez incidiu na diferenza entre o esforzo para a creación de emprego que está a facer a Xunta e a Deputación de Lugo: “Feijóo prometeu acabar co paro en 45 días, e o que fixo foi recortar en 238 millóns de euros os fondos para as políticas activas de emprego dende que entrou na Xunta, e ata un 74% o investimento por galego desempregado”. O resultado, engadiu, foi “unha suba do paro en Galicia dun 70,31%, mentres que no resto do Estado aumentou un 47,22%. O número de parados subiu en 2.629 persoas en novembro, hasta chegar ós 270.854 parados de Feijóo”. En canto á provincia de Lugo, hai 7.000 desempregados máis, en total case 28.000, “polos que o PP non se molesta para nada e cando alguén se preocupa tratan de facelo culpable de crear postos de traballo”. “E de Rajoy, Fátima Báñez, a Virxe do Rocío e a súa Reforma Laboral, que dicir… endosáronlle 1 millón de parados máis a este país”, indicou.
A Deputación, con todos os Concellos
A Deputación, en cambio, aposta polo emprego, a pesar de non ter as competencias. O voceiro socialista lembrou que a institución provincial puxo en marcha dende 2007 ata 10 programas de emprego para toda a provincia con máis de 4.000 beneficiarios, e no ano 2014 investirá 12,8 millóns de euros neste eido tamén para todos os Concellos lucenses, o triplo que a Xunta, cando ten 100 veces máis orzamento. Deste xeito, tal e como certificou o Deputado, o organismo provincial inviste 466 euros por desempregado lucense, fronte ós 145 da Administración autonómica. O plan de emprego que agora ten en marcha “é froito da falta de iniciativa política de Feijóo e corrixe o sectarismo da Xunta”, afirmou.
“Os obradoiros da Xunta rotan entre os municipios”
Manuel Martínez defendeu que as bases do plan de emprego da Deputación están feitas “con criterios totalmente obxectivos”. Trátase do número de desempregados, a superficie de Rede Natura e a extensión forestal. Estes criterios obxectivos contrastan co que fai a Xunta. “Segundo di un dos seus propios alcaldes, o de Sarria en concreto, os obradoiros rotan entre os municipios e reciben un en cada mandato, así é como actúa o Goberno galego”, asegurou.

















A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.



