O Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, falecía con 59 anos de idade este martes 10 de decembro arredor das 09.30 horas no Hospital da Costa onde permanecía ingresado dende facía algúns días.
O Concello de Viveiro instala a súa capela ardente no propio Concello dende as 16:00 horas deste martes ata o mércores ás 18:00 horas. A partir desta hora, será incinerado na máis estrita intimidade.
Traxectoria
Militante do Partido Comunista Uruguaio, con tan só 18 anos foi detido por cuestións políticas e polo seu compromiso na defensa da liberdade, ingresando no cárcere de Punta Carreta, Montevideo. Despois de tres anos en prisión, foi expulsado de Uruguai pola ditadura militar, o 26 de setembro de 1975, e levado directamente a España. En España fixo o Servizo Militar e militou no PCE.
Instalouse en Viveiro onde traballou na Seguridade Social, foi membro da dirección de Comisións Obreiras. En 2003 presentouse ás eleccións municipais encabezando a candidatura do PSdeG-PSOE e foi elixido alcalde grazas a un pacto co BNG e EU. Volveu ser elixido alcalde en 2007 e 2011. Así mesmo, tamén foi Deputado provincial durante o primeiro mandato de José Ramón Gómez Besteiro como Presidente da Deputación de Lugo (2007-2011); período no que dirixiu a Área de Persoal da institución luguesa.
CONDOLENCIAS
Varias entidades e partidos políticos fixeron chegar o seu pesar polo falecemento do alcalde viveirense.
PSdeG-PSOE
O PSdeG-PSOE traslada as máis sinceras e cariñosas condolencias á familia do Alcalde de Viveiro, Melchor Roel tras coñecer o seu pasamento. O seu secretario provincial, Juan Carlos González Santín, e todos os membros da executiva provincial queren expresar o máis sincero pésame polo pasamento “deste gran compañeiro e dunha gran persoa. Melchor era un home de partido, comprometido con Viveiro e con esta provincia”. Neste senso, destacan “a súa extensa experiencia, polo que sempre será lembrado por todos nós pola súa altura de exemplo, pola firmeza das súas conviccións e pola súa amizade. De Melchor nunca poderemos falar en pasado”, aseguran os socialistas da provincia.
BNG de Viveiro
O Bloque Nacionalista Galego de Viveiro manifesta o seu pesar polo pasamento do Alcalde de Viveiro Melchor Roel Rivas e “queremos transmitir as nosas condolencias á súa familia, amigas e amigos e ao conxunto do Partido Socialista de Viveiro. A pesar das normais discrepancias políticas na xestión Municipal, destacamos o traballo, esforzo, dedicación e compromiso persoal de Melchor Roel Rivas co pobo de Viveiro”.
BNG da Mariña
Pola súa banda, o BNG da Mariña tamén emitiu un comunicado facendo chegar o seu pesar polo pasamento do Alcalde de Viveiro:
“O BNG da Mariña lamenta profundamente o falecemento do Alcalde de Viveiro Melchor Roel e o rápido desenlace da enfermidade que padecía. O Bloque Nacionalista Galego da Mariña, traslada o seu pesar e acompaña na dor á súa familia, ao Grupo Municipal do PSdeG de Viveiro e ao conxunto da militancia deste partido na localidade de Viveiro e comarca da Mariña”.
Vicepresidencia da Deputación
A estas condolencias tamén se sumou o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, que quixo manifestar o seu pesar tras coñecer o pasamento de Melchor Roel, alcalde de Viveiro, e transmitirlle á súa dona, aos seus fillos e familia este fondo pesar.
Tal e como o sentiu Antonio Veiga, “Melchor era, para min persoalmente, unha persoa que dedicou a súa vida ao compromiso sindical e político, unha persoa coherente nos seus principios e na súa forma de actuar. Foi ademais compañeiro na Deputación no pasado mandato e uníanos unha moi boa relación persoal, xa que é difícil non ter boa relación persoal con el: un galeguaio, galego – uruguaio ou uruguaio – galego, como el dicía. Aféctanos moitísimo o seu pasamento e queremos transmitirlle á súa familia toda a forza necesaria para afrontar este momento e recordar que todo o traballo no social e no político desenvolvido por Melchor non vai caer en saco roto. Un tipo de persoas que se vai botar moito en falta, persoas íntegras que nestes días fan falta moito”.
Concello de Ribadeo
En Ribadeo, as bandeiras do Concello ondean a media asta tras o falecemento do rexedor viveirense, Melchor Roel. Así o ordenou o rexedor, Fernando Suárez, en sinal de honra e solidariedade “cun representante dos veciños, como alcalde que era dun Concello da Mariña”. O equipo de goberno traslada “o noso fondo pesar pola morte do alcalde de Viveiro” e transmite “as nosas condolencias á súa familia, aos seus amigos e aos seus compañeiros do equipo de goberno e da Corporación Municipal”.
Deputación de Lugo
A Deputación de Lugo, a través da figura do seu Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, tamén lamenta o falecemento de Melchor Roel, Alcalde de Viveiro e Deputado provincial entre os anos 2007 e 2011, ocorrido este mesmo martes.
O Presidente da institución luguesa quixo lembrar ó seu compañeiro e trasladar as condolencias á familia, en nome do grupo provincial socialista e no seu propio. Gómez Besteiro lamentou a “perda irreparable para Viveiro, para Lugo e para toda Galicia”, dun “verdadeiro defensor da liberdade”, e salientou a súa traxectoria vital marcada pola loita en prol da democracia e a igualdade.
O Presidente engadiu que “todos os que o coñecimos teremos sempre moi presente a figura e os valores que representou Melchor Roel”, do que destacou que “mereceu a pena o seu paso pola vida”.
Roel iniciou a súa andaina política na década dos 70, formando parte do Partido Comunista de Uruguay. Logo de manifestarse na contra do golpe de Estado foi detido e sometido a torturas, acadando a liberdade no 1975 e sendo finalmente expulsado do país nese mesmo ano.
Á súa chegada a España, entre a formar parte do Partido Comunista con responsabilidades a nivel autonómico e local, converténdose en primeiro Secretario provincial de CC.OO. en Lugo e Secretario de Xuventudes da Executiva. Un ano máis tarde incorpórase a Acción Sindical como Secretario Comarcal de CC.OO. e do Comité Central do Partido Galeguista. Formou parte dende o ano 1983 da corporación municipal de Viveiro, na que exerceu de concelleiro do Partido Comunista para pasar a ser, dous anos despois, Tenente Alcalde. Nos anos 1987 e 1988 foi Concelleiro de Esquerda Unida, pasando a formar parte da Executiva da Administración Pública de Galicia no ano 1989.
Foi no ano 1997 cando se vencellou directamente co Partido Socialista, asumindo no 2003 a Dirección do PSOE en Viveiro a Alcaldía deste municipio mariñano, cargo que xa non abandonaría. Entre os anos 2007 e 2011 exerceu de deputado provincial, asumindo as competencias en materia de persoal e goberno interior. Home de máxima confianza de Gómez Besteiro, prestoulle asesoramento persoal durante o segundo mandato.
Concello de Burela
O alcalde, José Mª González Barcia, traslada as súas condolencias á familia do rexedor de Viveiro, Melchor Roel, e ao Concello tras o seu falecemento. O máximo mandatario burelés dixo que “en representación da Corporación Municipal burelesa amosamos as nosas condolencias á familia de Melchor Roel e ao Concello de Viveiro polo seu falecemento”. González Barcia e Melchor Roel compartiron catro anos de Corporación Provincial na Deputación de Lugo “e desde a discrepancia política lóxica sempre nos entendemos de forma máis que razoable”.
As bandeiras do Concello de Burela ondearán a media asta na xornada deste martes e mércores 10 e 11 de decembro.
Compromiso por Galicia
O Coordinador Territorial na provincia de Lugo de Compromiso por Galicia e concelleiro en Alfoz, Iván Marrube, vén de mostrar as súas condolencias polo falecemento do alcalde de Viveiro dende o ano 2003, Melchor Roel Rivas. Marrube lamentou profundamente este feito e quixo transmitir en nome da organización o pésame “á familia, ao PSdeG-PSOE e ao conxunto da cidadanía de Viveiro”, por esta “terrible perda”.
Iván Marrube quixo destacar de Roel os seus valores, “unidos ao progreso social”, ademais do seu carácter dialogante e a súa vontade de chegar sempre a acordos coas forzas políticas “que defendemos outro modelo económico e social”, como demostrou cos sucesivos pactos de goberno con partidos de distinto signo.
Concello de Foz
O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, fixo público esta mañá o pésame da corporación municipal e dos focenses polo falecemento de Melchor Roel.
“Dende o Concello de Foz, a corporación municipal e en xeral todos os focenses queremos dar o noso máis sentido pésame á familia do alcalde de Viveiro recentemente falecido, Melchor Roel, á familia socialista e a todos aqueles que traballaron ao seu lado e da a súa man durante estes últimos anos”, manifestou o rexedor municipal de Foz.
Javier Castiñeira engadiu: “é unha baixa importante, porque é unha persoa recoñecida en todos os ámbitos e dende logo todos os focenses queremos incluírnos nese pésame xeral que ten A Mariña lucense polo falecemento de Melchor Roel”.
“Reitero o noso máis sentido pésame a toda a familia, a todos os viveirenses, aos compañeiros do Concello de Viveiro e tamén ao Partido Socialista”, rematou o alcalde de Foz.