- O deputado Daniel García achegouse este domingo ao mercado de produtos locais Aos pés de Cornería, en Vilaronte, no concello de Foz
Unha actividade organizada pola Asociación Cultural pensada para promocionar os produtos de proximidade e da artesáns, nun ambiente lúdico e festivo. Produtos de horta, conservas, mel, requeixo, plantas ornamentais ou bisuteria son algúns dos produtos que se podían encontrar no mercado, que contou tamén con outras actividades como bautismos hípicos. A Vicepresidencia da Deputación colaborou un ano máis na programación do mercado cun obradoiro de coiro e animación musical.
- A Deputación reivindica en Xermade o valor da memoria e do rural na apertura das XXII Xornadas Interxeracionais de Cabreiros
A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este sábado na inauguración, onde destacou o valor desta iniciativa que leva “máis de vinte anos unindo ás persoas arredor do coñecemento, da experiencia compartida e do orgullo polo rural”.
- O Ribadeo Sabe, que organizan o Concello e Acisa, botou a andar con actividades complementarias como a cata de viños que tivo lugar este mércores na Praza de Abastos, dirixida á hostalería local e aberta ao público xeral
Foi impartida polo sumiller Alberto Vega. A Masterclass buscou aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe. Ata a Praza de Abastos se achegaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros, que ultiman os preparativos para sorprender con elaboradas e saborosas propostas.
- O Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA) presentará o Cancioneiro do Valadouro o vindeiro 17 de maio ás 19:00 h na Casa da Cultura de Ferreira
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.
- O Concello de Mondoñedo renova a súa colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela nos cursos de formación para persoas maiores
Nesta edición, a programación céntrase na Idade Moderna en Galicia, combinando sesións teóricas no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina con visitas guiadas por Mondoñedo e a súa comarca. O Concello destaca a excelente acollida desta iniciativa e anima a seguir promovendo actividades culturais deste nivel, posibles grazas ao compromiso da USC e ao apoio da Xunta de Galicia.
- O Concello de Cervo deu a coñecer as persoas premiadas no Certame do Día do Libro, unha iniciativa que celebra a creatividade, o talento literario e o gusto pola lectura en todas as idades
Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
- Catuxa Salom na Conservera de Viveiro
A artista Catuxa Salom presentará o seu espectáculo o sábado 30 de maio, ás 22:30 horas. O concerto forma parte da programación cultural apoiada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Artye e Urdime. As entradas están dispoñibles de maneira anticipada por 12 euros, mentres que na billeteira do recinto terán un prezo de 15 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma Woutick.