Viveiro, 14 de marzo de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, participou este venres na presentación do libro “O ciclo do pan e as súas construcións na Mariña de Lugo.
Eiras, cabozos, muíños e fornos”, unha obra do experto en xeografía e en xestión de Patrimonio Cultural, José María Leal Bóveda, que xa ten publicado outros traballos de investigación sobre o patrimonio galego, algúns deles centrados nas estruturas singulares como os hórreos e os muíños. O libro complétase cun poemario e historias de Paco Rivas, que tamén estivo presente no acto de presentación, xunto con Lino Rico, profesor do Conservatorio de Viveiro; e Carlos Nuevo Cal, presidente do Seminario de Estudos Terra de Viveiro.
O servizo de publicacións dependente da área de Cultura da Deputación de Lugo foi o encargado de editar este exemplar, obra na que José María Leal estuda en profundidade, e aportando numerosas fotografías e material gráfico, o proceso de elaboración do pan, o alimento básico das sociedades humanas, así como todas aquelas construcións que interveñen nese proceso posibilitando a separación do gran da palla, o almacenamento do cereal, a súa transformación en fariña, así como a súa conservación.
O obxecto de estudo enmárcase na Mariña Lucense e no concello coruñés de Mañón. Todos os datos vertidos no libro que se presenta foron extraídos de estudos e catálogos feitos durante anos tanto por particulares como por institucións públicas, inventarios, traballos de campo e bibliografías onde se estudaron as tipoloxías e características construtivas e de uso dos elementos arquitectónicos protagonistas nesta publicación.
Durante a súa intervención, Antonio Veiga recordou que “aínda que a maioría de eiras, cabozos, muíños e fornos a día de hoxe non funcionan como tal, conforman unha parte importantísima do noso patrimonio arquitectónico e histórico, xa que representan o traballo e a vida nas comunidades rurais”, e destacou “a importancia desta publicación en canto difunde entre a sociedade actual unha forma de vida que hoxe se descoñece, así como a importancia dun sector produtivo básico como o agro”.
Así mesmo, o vicepresidente da Deputación parabenizou “o labor que durante anos leva desenvolvendo o Seminario de Estudos Terra de Viveiro” e destacou “a importancia que adquiren este tipo de colectivos en canto contribúen a difundir o saber e tradición dos nosos antergos”.