Burela, 24 de marzo de 2014. O PXOM cumpre as directrices marcadas pola administración autonómica. Este luns, nun pleno extraordinario, aprobouse a modificación do documento, que contou cos votos favorables do equipo de goberno e coa abstención dos partidos da oposición. O alcalde, José Mª González Barcia, destacou que “Burela merécese un documento que planifique o seu futuro con garantías e con seguridade xurídica”.
O rexedor explicou que “no pleno extraordinario celebrado hoxe pola mañá aquí, no Concello de Burela, aprobouse con carácter provisional o plan xeral de ordenación municipal adaptado á orde ditada pola Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia o pasado día 12 do presente mes. Deste xeito o plan xeral de ordenación municipal, dende o noso punto de vista e atendendo sempre ás directrices emanadas desa orde asinada pola Xunta, queda adaptado de forma practicamente absoluta ao Plan de Ordenación do Litoral, que era unha das cuestións ás que a orde indicada facía mención”.
González Barcia subliñou que “ten que quedar claro que non hai absolutamente ningunha modificación substancial sobre o documento aprobado tamén provisionalmente o pasado mes de setembro. Isto quere dicir que a cualificación do solo segue sendo exactamente a mesma que era no documento aprobado en setembro. Por exemplo onde era antes solo urbano consolidado agora segue séndoo, non se modifica en absoluto a edificabilidade nin o volume edificado nin o fondo de edificación de absolutamente ningunha das mazás nas que se distribúe o solo urbano de Burela; por exemplo, onde antes se podía construír baixo máis tres plantas séguese podendo facer o mesmo”.
O alcalde de Burel sinalou que “prodúcese unha adaptación á normativa do litoral. Por exemplo, o POL indica que a zona do monte Castelo ten que se definida dentro do plan xeral como zona de interese paisaxístico, o que non se recollía e polo tanto hai que adaptalo. Outro exemplo: o POL protexe aquelas superficies que se atopan encima das grutas que hai, por exemplo, na zona do Cantiño. Esa protección queda completamente remarcada no plan xeral de ordenación municipal”.
Para José Mª González Barcia “trátase, aparte de facer unha adaptación máis profunda e máis literal ao plan de ordenación do litoral, tamén de corrixir unha serie de erros que se detectaron por parte da Secretaría Xeral de Urbanismo no documento que nosoutros enviamos no seu día”.
O rexedor confía en que “con este último paso quede xa a porta aberta para a aprobación definitiva do noso plan, o que nosoutros dalgún xeito esperábamos porque evidentemente redactar un plan que cumpra exactamente con todos os criterios marcados pola Secretaría Xeral de Urbanismo non é nada doado. De aí que nosoutros vexamos ata certo punto con normalidade que a Secretaria Xeral de Urbanismo ditase a orde do pasado día 12 do presente mes”.
Grupos da oposición
Sobre o debate que se produciu esta mañá no pleno extraordinario do Concello de Burela o alcalde subliñou “por un lado, a ausencia de argumentos por parte da oposición para non apoiar este documento e, por outra parte, do grao de compromiso que ten o plan xeral que vimos de aprobar para a solución dos problemas que ten Burela e para a formulación de alternativas de cara ao futuro. En primeiro lugar, resulta bastante triste que a oposición critique o plan xeral de ordenación municipal por non estar redactado en galego normativo. A min isto paréceme que é dunha baixeza de miras absoluta, pois non se pode valorar un documento técnico polo mero feito de que estea redactado en galego normativo ou non”.
González Barcia seguiu a valorar as intervencións da oposición na sesión plenaria de hoxe: “en segundo lugar, por parte do Partido Socialista non se teñen formulado durante o transcurso da tramitación do plan practicamente ningunha alternativa e as que hoxe formulaban eran, por exemplo, recuperar terreo que está afectado polo POL; en concreto se referían a unha superficie que o Concello comprou no seu momento, e efectivamente investiu uns cartos, na zona da Marosa, onde se tiña redactado un proxecto para a construción dunhas instalacións deportivas. Segundo o Partido Socialista estas construcións non serán posibles precisamente debido á aprobación por parte da Xunta do Plan de Ordenación do Litoral. E isto é mentira porque houbo no seu día unha conselleira de Política Territorial, que se chamaba María José Caride e que pertencía a un goberno bipartito da Xunta de Galicia que ditou a orde dos 500 metros pola cal quedaba terminantemente prohibido calquera tipo de construción en solo urbano non consolidado nesa franxa de 500 metros da costa”.
O alcalde recalcou que “o plan resolve problemas e aporta solucións. Por exemplo, fixa solo dotacional para unha ampliación do hospital que antes non existía; tamén para a posible situación de equipamentos educativos ou de carácter social, cousa que antes non había en absoluto solo para estes efectos; delimita a fachada marítima que queremos situar na zona da Limosa, onde agora vaise poder construír pero antes non se podía tocar absolutamente a nada; delimita dúas zonas empresariais: unha delas a do Perdouro, xa delimitada, e a outra é a da Puída, non delimitada antes. Isto é unha eiva que Burela ven sufrindo nos últimos anos: antes Burela non contaba con ningunha superficie empresarial e iso trouxo consigo que moitas empresas tiveran que irse do noso concello por non ter solo para poder instalarse. Agora, co plan xeral de ordenación municipal é o principio da solución a este problema”.
González Barcia insistiu en que “o plan xeral resolver problemas e formula un futuro aproximadamente para 30 anos do que nosoutros entendemos que debe ser Burela, que debe ter un plan que non se axuste a intereses particulares e en absoluto se axusta; e si debe mirar polos intereses xerais dos veciños e veciñas do concello, e iso é o que fai. Burela merécese un documento que planifique o seu futuro con garantías e con seguridade xurídica”.
O equipo de goberno votou a favor da adaptación do PXOM ao Plano de Ordenación do Litoral e os partidos da oposición abstivéronse.
No pleno gardouse un minuto de silencio por Adolfo Suárez, o ex presidente do goberno, que onte falecía en Madrid. As bandeiras do Concello ondean a media asta desde onte, domingo.



























Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.
O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



