LUGO, 25 DE MARZO.- Os socialistas da provincia participarán mañá activamente nas tres manifestacións convocadas polos Sindicatos en Burela, Monforte e Lugo. Deste xeito, os coordinadores comarcais destas tres zonas –Mayra García, Roberto Castro e Alvaro Santos-, acompañados dos deputados provinciais e dos voceiros do PSOE nos Concellos lucenses secundarán estas concentracións para denunciar o desmantelamento que está a levar a cabo a Xunta de Galicia da Sanidade provincial co novo modelo de xestión clínica. Neste senso, o PSOE lucense amosará decididamente o seu rexeitamento a este sistema que implica, por unha banda, que os tres hospitais da provincia perdan a autonomía dos equipos clínicos e, pola outra, estruturar os procesos asistenciais ao redor das necesidades específicas dos doentes, especialmente nos crónicos con máis dunha patoloxía.
A Consellería plasmou no documento Estratexia SERGAS 2014 a súa folla de ruta. Un dos obxectivos é integrar os procesos asistenciais. Se hai uns anos os centros de saúde dunha área sanitaria tiñan un responsable e, o hospital outro, agora a atención primaria e especializada intégranse nunha mesma xestión. Deste xeito, Primaria será a gran ferramenta para desconxestionar a atención especializada. Así mesmo, o Boletín Oficial do Estado (BOE) de 25 de xullo de 2013 publicaba a modificación da lei 55/2003 do Estatuto marco do Persoal dos Servizos de Saúde, no que aparece que os profesionais destas áreas perderán a súa condición como traballadores públicos para ser empregados dunha empresa privada.
Por este motivo, a voceira de Sanidade –Darya Fernández-, que tamén participará na manifestación de Lugo, denuncia que “non é concebible que nun sistema sanitario solvente os médicos pasen a ter ningunha responsabilidade nas decisións de asignación de recursos. O PP con esta medida está a conseguir: primeiro, desmantelar a Sanidade e, segundo, convertela nun nicho de negocio para empresas amigas, vendéndoa por peza ao mellor postor”.
A Xunta de Galicia pretende así aforrar cartos, pero isto “é pan para hoxe e fame para mañá”, afirma a socialista. Neste senso, subliña que a xestión integrada contribuirá a aumentar aínda máis as listas de espera. En 2009 a media era de 92 días. No último trimestre 2013, a demora foi de 99 días. “Resulta evidente, por tanto, que os prazos frixados pola lei de garantías aprobada no Parlamento, en decembro, para que os doentes de determinadas patoloxías non esperen 60 días para operarse, resultará imposible cumprilos, sobre todo, porque Feijóo tamén suspendeu o plan de mellora de atención primaria, que recollía un aumento da plantilla dos centros de saúde e puntos de atención continuada”, afirma Darya Fernández.
Mocións nos Concellos
A repulsa que manifestarán mañá os socialistas dá continuidade á campaña emprendida nos Concellos dende comezos de ano. Nos respectivos Plenos, pediron ou están a pedir o apoio do Partido Popular para que o Executivo autonómico recapacite e dé marcha atrás, xa que, co novo modelo de xestión, o único que conseguirá o Goberno galego é empeorar a calidade sanitaria lucense.
Precisamente, dentro desta campaña de rexeitamento, os socialistas da Mariña concentráronse hai dúas semanas nas inmediacións do Hospital da Costa, onde, ademais de amosar o rexeitamento unánime ao sistema da Xunta, e que está a ser denunciado polos propios facultativos e outras entidades da comarca, esixiron a recuperación da área de xestión sanitaria propia, e que se faga no menor tempo posible, tal e como prometeu en diversas ocasións Núñez Feijóo, a ampliación deste centro sanitario.