LUGO, 12 DE XUÑO DE 2014.- Os secretarios provincial e de Política Municipal –Juan Carlos González Santín e Álvaro Santos-, presentaron este xoves as novas medidas que a executiva provincial levará a cabo para evitar ou frear a supresión que pretende aplicar o Goberno Central dos Partidos Xudiciais na provincia. Neste senso, hoxe mesmo, xunto aos representantes do PSOE en dous dos concellos cabeceiras de Partido Xudicial como son Mondoñedo e A Fonsagrada, iniciaron unha recollida de sinaturas en contra da iniciativa do Executivo estatal, e que será trasladada a todas as agrupación locais para sumar o maior número de apoios posible.
Así mesmo, e de xeito paralelo, a executiva organiza unha serie de xornadas informativas en todos os municipios con Partido Xudicial, co fin de explicar aos cidadáns as consecuencias que supoñen tanto para eles como para o sector xurídico a entrada en vigor desta normativa que inclúe a eliminación de oito dos nove Partidos Xudiciais existentes en Lugo.
As xornadas darán comezo o 3 de xullo en Monforte de Lemos. O día 10 dese mesmo mes celebrarase a segunda en Viveiro. Para elo, en ambos os dous casos, a executiva provincial contará coa presenza do ex Ministro –Francisco Caamaño-, que ofrecerá unha ampla visión do modelo actual e do sistema que pretende implantar o Partido Popular. Posteriormente, desenvolveranse as restantes en A Fonsagrada, Vilalba, Mondoñedo, Chantada, Becerreá e Sarria.
Todas estas medidas, tal e como subliñou o dirixente dos socialistas lucenses, forman parte da campaña emprendida polo Partido Socialista xa no mes de abril, e en contra do que é “o recorte dun servizo público máis”. Primeiro, foi a nova lei de taxas coa que os pleitos laborais ou contencioso-administrativos, que antes estaban exentos, poden chegar aos 800 euros e, agora, “non conforme con isto, o Ministro pretende centralizar toda a Xustiza en Lugo”. Para González Santín, este novo modelo provocará “un colapso absoluto” do servizo e a vulneración do artigo 24.1 da Constitución sobre a defensa dos dereitos dos cidadáns e o acceso a unha tutela xudicial efectiva. E é que, segundo o sistema do Goberno, a provincia quedaría só co órgano da capital; Xulgado que absorbería todos os casos da provincia, e que suman máis de 36.000.
Demóstrase así, engadiu o secretario provincial, que esta iniciativa, creada polo Partido Popular baixo o paraugas do aforro e da modernización, se converte “nun embudo” que non só alonxa a Xustiza dos cidadáns, senón que o fai a costa de impoñerlles “un novo copago”. Na mesma liña, o secretario de Política Municipal subliñou que “non se pode aforrar na Xustiza limitando o acceso a ela”. Neste senso, Álvaro Santos citou o caso concreto dun veciño de Piornedo, quen lle explicou persoalmente que, no caso de eliminarse o Partido Xudicial ao que pertence, para acudir a unha citación xudicial ás nove da mañá en Lugo tería dúas opcións: pagar cen euros de taxi ou coller o autobús o día anterior. Neste último caso, o gasto duplicaríase, pois ademais da viaxe, tería que dormir e cear na cidade. “Creo que se debe apelar á sensibilidade destas situacións e que se poden reproducir noutros concellos porque somos unha provincia moi extensa”, concluíu.
Volta a “predemocracia”
“Co PP volvemos á predemocracia, na que había unha Xustiza para os pobres e outra para os ricos”, afirmou Santín, ao tempo que destacou que, neste proxecto, tamén se bota en falta unha memoria económica. “Está claro que o se persegue é facer caixa como aconteceu coa lei de taxas. Con esta normativa os tribunais galegos recadaron o pasado ano máis 13 millóns de euros; unha cifra que triplica os 5,1 millóns do exercicio anterior”, apuntou.
A virtude de Gallardón
A pesares dos prexuízos que a nova planta xudicial supón tanto para a administración como para os cidadáns, indicou o secretario provincial, “o Sr. Gallardón ten unha virtude clara, a de poñer a todo o mundo en contra. Puxo en contra aos concellos, deputacións, avogados, procuradores, sindicatos e incluso ao Presidente da Xunta que defende a existencia de tres partidos xudiciais. Isto é algo así como o lado escuro do consenso…”.
Traballo da executiva
As medidas anunciadas este xoves súmanse as levadas a cabo polo Partido Socialista dende que o Ministerio fixo pública a súa decisión. No mes de abril, o secretario provincial denunciou publicamente que o novo mapa xudicial é, en primeiro lugar, máis caro para o sistema e, en segundo lugar, máis discriminatorio para os cidadáns, pois alonxa a máis dunha hora do Xulgado de Lugo ao 60% da poboación da provincia. Asimesmo, tamén se realizaron varias concentracións en localidades como Fonsagrada, Vilalba ou Monforte de Lemos. No Parlamento de Galicia, no Senado e en todos os municipios da provincia se están a pedir o mantemento destas demarcarcións. Ademais, elaborouse unha guía informativa que xa está a ser distribuída entre a cidadanía para explicar aos lucenses a nova planta xudicial.
Explicacións á conselleira de Sanidade
Noutra orde de asuntos, o secretario provincial tamén se referíu á detección de 20 casos de sarna no Hospital Lucus Augusti. A este respecto, e dada a gravidade da situación, anunciou que presentarán unha iniciativa no Parlamento de Galicia para esixir explicacións concretas á conselleira de Sanidade. “Esta é a última pincha que rebasa o vaso. Non é unha causa menor, pois os afectados tratan diariamente con persoas. Hoxe mesmo rexistraremos varias preguntas, ao igual que fixemos onte sobre o peche de camas que levará a cabo o SERGAS no verán. E facémolo porque a saúde dos lucenses é para nós un dereito fundamental”, sentenciou.