Lugo, 19 de xuño de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, presentou, na mañá deste xoves, as finais da XXXI Copa Deputación de Fútbol, nun acto no que tamén participou o concelleiro de Deporte de Lugo, Xosé Manuel Díaz Grandío, así como os presidentes de varios dos clubs que disputarán as finais desta edición.
Este domingo, 22 de xuño, ás 18.00 horas, o Milagrosa e o Perruquería Mixta Friol disputarán a final da VI Copa feminina, e ás 20.00 horas, na final de Preferente e 1ª autonómica enfrontaranse o SD Chantada e o CD Castro. Ámbolos dous partidos celebraranse no Campo de Fútbol de A Cheda, en Lugo. A final de 2ª e 3ª autonómica disputarase a vindeira fin de semana, pero a ubicación aínda está por determinar.
Durante a súa intervención, Antonio Veiga destacou “a alta participación que rexistra esta cita deportiva ano tras ano, contando nesta edición da Copa Deputación de Fútbol coa participación dun total de 83 de equipos lucenses, desde 3ª Autonómica a Preferente Autonómica, contando aliñacións masculinas e femininas”.
Para a posta en marcha desta última edición da Copa Deputación, a área de Deportes da Deputación conta cun orzamento semellante ao do ano pasado de case 90.000 euros, polo que se manteñen as cantidades dos premios. Dos clubs deportivos participantes no trofeo, o campión e subcampión da categoría 1ª Autonómica e Preferente Autonómica serán premiados con 5.000 e 4.000 euros respectivamente. Ademais, cada equipo recibirá 450 euros por partido xogado. En 2º e 3º Autonómica, os premios alcanzarán os 4.000 e os 3.000 euros para primeiro e segundo, e os clubs percibirán 385 euros por partido disputado.