Barreiros, 17 de xullo de 2014. Detectada unha nova rotura na rede de abastecemento de auga de Barreiros. Trátase dunha canalización xeral, situada nas inmediacións do cuartel da Garda Civil, na congostra de Olano. Segundo asegura o alcalde, Alfonso Fuente, é unha avaría importante que foi vista por uns veciños que se atopa rozando unha finca. O rexedor atópase no lugar dos feitos.
O rexedor dixo que “hoxe ás catro da tarde chamaban ao concelleiro de Obras uns rapaces que estaba a rozar unha finca na denominada Horta de Olano, porque detectaron que había moita auga na zona. Él chamou aos fontaneiros e presentouse aquí e xa viron que había unha fuga na xeral, nunha canalización de 20 centímetros de diámetro. Empezamos a abrir campo cunha pala, porque isto é unha congostra, e ás seis e media da tarde chegamos ao punto no que se ve como corre. Isto é practicamente un regato, a forma na que corre a auga”.
Fuente Parga indicou que “no día de onte restablecíamos os depósitos, despois da fuga do pasado luns en Benquerencia. A verdade é que nos parecía que podía ser debido ao consumo, pero tamén éramos escépticos con semellante consumo e xa nos diriximos aquí co anterior responsable de augas vendo isto e agora mesmo se van poñer a reparar esta avaría”. O alcalde barreirense subliñou que “grazas a que temos auga almacenada tanto na Barranca como en Merille procederase ao corte desta zona, pero practicamente os usuarios espero que non se vexan afectados. Neste momento todo o mundo ten auga”.
Alfonso Fuente sinalou que “é unha fuga grande, onde se perdía moita auga. Estábanos a saír un consumo diario de auga de 3.600 a 4.000 metros cúbicos ao día. Iso parecíanos unha barbaridade porque o ano pasado en pleno mes de agosto nunca se chegou a ese consumo. O que facíamos era tentar bombear e dar servizo e agora apareceu esta fuga. Trátase dunha traída que vai polo medio do monte e grazas á colaboración destes rapaces demos con ela”.
O rexedor explicou que “é unha avaría na rede principal de 20 cms, xunto coa que detectamos en Benquerencia de 6,3 cms, foi a que debe levar uns días perdendo, foi en aumento e iso era o que nos producía o baleirado dos depósitos. Recuperaban ao pechalos pola noite, pero seguíamos pensando que era un consumo excesivo para a fuga que reparáramos xa. Vista esta de hoxe sabemos que o dano está aquí, estamos a falar dunha canalización de fibrocemento de 20 cms de diámetro, onde o proxecto que estamos a elaborar xa prevé o cambio desta rede e agora mesmo imos proceder a arranxala. Precisamente a vantaxe de ter maiado todo o concello, de telo todo en rede suporá que ningún veciño quede sen auga mentres non se repara esta avaría. Podería quedar amañada nunhas 3 horas. Agardemos que definitivamente se recuperen os depósitos e non se volvan baleirar coa mesma rapidez coa que perdíamos auga estes días”.