O vindeiro 21 de Setembro conmemórase en todo o mundo o Día Internacional pola Paz, unha data promovida polas Nacións Unidas para fortalecer os ideais de paz tanto dentro como entre as nacións e os pobos do mundo. O tema escollido este ano para a celebración céntrase no Dereito dos Pobos á Paz desde a perspectiva de que a promoción da paz é fundamental para o pleno goce de todos os dereitos humanos.
O International Day of Peace estableceuse por primeira vez en 1981 por unha Resolución, a 36/37 da Asemblea Xeral de Nacións Unidas para que coincidise coa súa sesión de apertura que ten lugar o terceiro martes de Setembro de cada ano.
Foi en 2001 cando de novo a Asemblea Xeral aprobou, por unanimidade, outra Resolución, a 55/282, que estableceu o 21 de Setembro como un día anual en favor da nonviolencia e o alto o fogo nos conflitos bélicos.
Como cada ano, as Nacións Unidas convidan tanto ás nacións como ás persoas de boa vontade para acadar o remate das hostilidades durante todo ese día, en calquera lugar do mundo onde exista violencia armada, durante vintecatro horas polo menos, así como a desenvolver iniciativas de paz por medio da educación e a sensibilización da cidadanía.
Na páxina web das Nacións Unidas, http://www.un.org/en/events/peaceday/
calquera persoa interesada, o profesorado para as súas aulas, pode atopar diversos documentos útiles para organizar actividades diversas, o cartaz conmemorativo e outros recursos didácticos, entre eles, a Declaración sobre o Dereito dos Pobos á Paz que empeza por reafirmar o propósito principal da ONU que non é outro que o mantemento da paz e a seguridade internacional sobre a base dos principios fundamentais do dereito internacional xa establecidos na Carta Fundacional das Nacións Unidas, aquela que empeza precisamente dicindo: “Nosoutros os pobos, resoltos a preservar ás xeracións vindeiras do flaxelo da guerra,…”
A mesma declaración sobre o dereito dos pobos á paz expresa a vontade e as aspiracións de todos os pobos do mundo de eliminar a guerra da vida da humanidade e, especialmente, de evitar unha catástrofe nuclear mundial proclamando solemnemente o dereito sagrado á paz para tódolos pobos do mundo.
Para asegurar o exercicio do dereito dos pobos á paz requírese que a política dos Estados estea orientada cara a eliminación da ameaza da guerra, especialmente da guerra nuclear, á renuncia ó uso da forza nas relacións internacionais e ó arranxo das controversias internacionais por medios pacíficos de conformidade coa Carta das Nacións Unidas.
Remata a citada Declaración facendo un chamamento a tódolos Estados e a todas as organizacións internacionais para que contribúan por tódolos medios a asegurar o exercicio do dereito dos pobos á paz mediante a adopción de medidas pertinentes nos planos nacional e internacional, xusto, precisamente, o que a Comunidade Internacional non fai diante dos numerosos conflitos bélicos abertos en distintos lugares do planeta, particularmente, en Oriente Medio, Libia, Siria, Iraq, Afganistán… en Gaza, sometida ata hai ben pouco a un auténtico xenocidio sen consecuencias para o Estado de Israel, ou no corazón de Europa, ás portas de Rusia, en Ucraína, por non citar outros conflitos armados, os chamados “esquecidos” que tamén se prolongan no tempo sen merecer un minuto de telexornal que os poña no foco da actualidade.
Cando se celebre en todo o mundo o Día Internacional da Paz, o 21 de Setembro, as forzas armadas españolas, unha fragata con base naval en Ferrol, a F-102, estará participando nuns exercicios militares que o Estado Español secunda, no marco da OTAN, nos que uns 1300 soldados de 15 países, a maioría da UE, baixo as ordes dos EE.UU, realizarán na cidade ucraína de Yavoriv, concretamente entre o 15 e o 26 de Setembro, nun operativo denominado “Rapid Trident” das forzas estadounidenses en Europa.
Paralelamente a OTAN ben de acordar o seu rearme no Leste de Europa cunha forza de intervención rápida. España e a UE envían armamento á zona de conflito e mesmo doan material militar a Ucraína. A UE ven de demandar ós estados membros o progresivo incremento dos seus respectivos presupostos de defensa en plena crise económica e cando a maioría da poboación sofre as consecuencias dos recortes e das políticas austericidas.
Non parecen estas manobras en Ucraína, no limex occidental fronte a Rusia, a mellor maneira de contribuír a rebaixar a tensión internacional en Europa e de responder ós chamados das Nacións Unidas.
Desde o Seminario Galego de Educación para a Paz (www.sgep.org) facemos un chamamento á reflexión e á acción, particularmente nas aulas, na defensa do dereito dos pobos á paz, ó dereito humano á paz, aínda pendente de aprobación, así como a solución pacífica e negociada dos conflitos nacionais e internacionais.
Manuel Dios Diz
Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz
FUNDACION CULTURA DE PAZ




















A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.



