Discurso do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, na ofrenda aos Remedios en Mondoñedo:
Señor bispo da diocese Mondoñedo-Ferrol, señor alcalde de Mondoñedo, estimados compañeiros e compañeiras das corporacións municipais mindoniense e ribadense, Alcaldes, Alcaldesas e representantes municipais dos outros Concellos aquí presentes (Ferrol, Ortigueira, Vilalba e Viveiro), señores doutores e coengos da Santa Igrexa Catedral Mindoniense, señor Reitor do Santuario dos Remedios, amigos/as todos/as
Bo día:
Unha vez máis, é para min unha honra, na miña condición de alcalde de Ribadeo, estar aquí cumprindo cunha tradición que nos retrotrae á Galiza britoniense, aquela que se estendía desde os ríos Eume e Xubia até as terras do Eo, e que aínda hoxe continúa a realizar esta ofrenda dos Remedios. Lembramos, así, tempos pretéritos que pretendemos actualizar non para nos refuxiar neles fuxindo da nosa realidade actual e viva, senón para, recollendo o mellor dos nosos devanceiros, sermos quen de ter a vontade de existir por nós mesmos. Queremos valernos do noso propio esforzo para situármonos no mundo actual, vivo e axitado como non ocorría desde hai ben anos, para defendermos un espírito aberto das sociedades democráticas: cidadáns e cidadás que participamos da vida pública con orgullo e ilusión.
Permítanme lembrarlles as convocatorias, ao son de campá, do concello aberto na ribadense capela da Atalaia. Ben perto dela, viviu o bispo Paio Cebeira, aló polo século XII, que fixera de Ribadeo Sé episcopal. Bretoña, Mondoñedo, Ribadeo, e de novo Mondoñedo: velaí o percorrido xeográfico das Sés que foi tendo o bispado de Mondoñedo-Ferrol. Ferrolterra, a Terra Cha e a Mariña luguesa, o norte da nación de todos os galegos e galegas, o norte do que foi o primeiro reino da Europa medieval, está aquí representado neste acto de grande contido simbólico. Foi o noso un reino que gozou de grande prestixio na Idade Media pero que, co paso dos séculos, foi perdendo protagonismo e peso relativo por mor de inxerencias externas e tamén pola nosa propia división. Aprendamos do noso pasado e saibamos construír espazos de diálogo que nos permitan sacar o mellor de nós mesmos por moito que saibamos valorar o específico de cada un de nós (xa como persoas, colectivos sociais, vilas, comarcas…). Alá polos anos 30 do século XIX, a cegueira do liberalismo centralista borrou as últimas pegadas dese glorioso reino de Galiza. Agora, en plena cegueira recentralizadora baseada no argumento da falta de recursos tamén se queren botar por terra moitos logros e institucións moi vinculadas á nosa vida cotián. Fagámoslle fronte xuntos: estou convencido de que a perseveranza ha dar os seus froitos.
As nosas terras foron ben cantadas polos nosos poetas. Ben ao xeito tradicional de Noriega Varela, ben co espírito aberto e máis crítico de Leiras Pulpeiro; ben sexa a través da saudade das paisaxes galegas de Iglesias Alvariño, ou a través dos versos do bate humanista Xosé María Díaz Castro; ben sexa desde a sensibilidade e delicadeza para coas cousas humildes e a relixiosidade popular desenvolvidas por Xosé Crecente; ben sexa, en fin, a través dos versos de Luz Pozo Garza, na que recantos da mariña luguesa son evocados nunha poesía chea de amor, patria e liberdade.
Amigas e amigos, os nosos devanceiros cumpriron coa súa terra e co seu tempo. Souberon legarnos todo o que hoxe temos ao noso alcance. Nunca como até agora estivemos tan perto de estragalo todo; nunca coma nos nosos tempos se puido ter destruído a nosa paisaxe, o noso medio ambiente. Saibamos amar e respectar todo ese legado que os nosos poetas nos cantaron. Non nos deixemos levar pola riqueza cega aplicando modelos de desenvolvemento económico que non se adecúan ao noso medio ambiente ou que se basean simplemente no enriquecemento persoal a costa dos nosos conxéneres. Creemos valores que dignifiquen o propio, que o respecten e o fagan merecedor de ser respectado. Creamos en nós mesmos. Esixámonos a todos e todas nós, entre todos e todas nós, honradez, traballo, solidariedade e fraternidade. Galiza precisa seguir loitando por un futuro mellor, economicamente máis próspero e social e culturalmente máis rico. E só o conseguirá se é quen de combinar tradición e modernidade, respecto polo propio e incorporación do mellor doutros pobos sen renunciar ao seu. Especial mención temos que facer ao que máis nos identifica e une como galegos: a nosa lingua. É un tesouro de valor incalculábel; non nos limita; ponnos no mundo e destácanos. Sintámonos orgullosos dela.
Quero, un ano máis, expresar o meu desexo de que a Virxe dos Remedios e a fe ilustrada dos seus crentes axuden a guiarnos a todas e a todos, coma mulleres e homes, por unha lealdade irrenunciábel: que o noso corazón estea sempre do lado dos que menos teñen. Desa comuñón fraterna participa o meu corazón e alenta, desde aquí e desde hoxe, para seguir, como di Eduardo Galeano, camiñando cara a utopía.




















Este venres, 14 de agosto ás 20.00 horas, terá lugar a presentación do libro "Espiritualidad", unha longa reflexión sobre a dimensión espiritual do ser humano, levada a cabo por 8 autores de diferences orientacións relixiosas, no Local Social do Parque Concepción Arenal (antigo matadoiro) de Ferreira do Valadouro. Estará presente o autor-coordinador da obra Pepe Peinó.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 13:20 horas deste martes. Segundo varios particulares, dous turismos colidiran no quilómetro 79 da LU-862. Nun vehículo había un ferido, mentres que no outro unha persoa estaba atrapada, aínda que se atopaba en bo estado trala colisión. Desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo. Unha vez no punto, a dotación de bombeiros puido liberar á persoa atrapada.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.



