Cervo, 2 de outubro de 2014- Esta semana iniciáronse as obras de remodelación da praza situada na zona da Veiga de San cibrao, entre as rúas Asturias e Rosalía de Castro. A primeira tarefa que se está levando a cabo é a de levantar o pavimento para poder realizar todos os cambios previstos, que serán da calado xa que afectarán á estrutura da praza e á súa configuración.
Un dos máis importantes é a mellora da accesibilidade, que ao remate das obras será universal. Ata o de agora, para salvar o desnivel que existe cun edificio de vivendas, utilizábase unha beirarrúa con escaleiras, que impedía que persoas con mobilidade reducida puidesen acceder. Para solucionalo ampliarase a beirarrúa e construirase unha rampla, o cal tamén mellorará o urbanismo da zona.
Outro dos cambios será a distribución dos contedores do lixo, que se agruparán nun mesmo lugar, o máis afastado das vivendas, “para un mayor bienestar de los vecinos”, explica a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso. Tamén se humanizará a praza, “converténdoa nun espazo público máis atractivo e cómodo agardando que sirva de lugar de encontro para os veciños”, asegura a edil de Obras, Pilar Armada. Con este obxectivo instalaranse bancos, xardineiras e outro mobiliario urbano e tamén se dotará dun novo pavimento e iluminación.
O alcalde, Alfonso Villares e as edís de Medio Ambiente e Obras supervisaron esta mañá os traballos que se prevé que estean rematados neste mes de novembro. Unha reforma á que o Concello destinará 12.500 euros de fondos municipais e na que contará co apoio da Xunta, que achegará o 75% do custo, é dicir, uns 37.500 euros.