O concelleiro do grupo popular de Viveiro, Antonio J. Bouza Rodil,
EXPÓN:
Ao longo do mes de outubro, o Partido Popular de Viveiro transmitiu en distintos medios de comunicación a preocupación dalgúns veciños de Covas, cuxas vivendas se encontran situadas no tramo final do paseo marítimo – preto dos Castelos -, en relación ao aumento das mareas que provocaron que o mar invadise o devandito paseo marítimo, a pesar de non existir temporal ningún declarado.
No pleno ordinario celebrado o pasado xoves 6 de novembro, o noso grupo presentou un rogo para que a Alcaldía fixese o necesario para intentar dar solución a esta problemática.
O Partido Popular dende o primeiro momento mantivo conversacións, tanto coa Xefatura Provincial de Costas, como con algúns dos veciños afectados. Como vemos que pasan os días e non se fai nada por intentar poñer remedio a esta situación que preocupa a moitos dos veciños residentes nesta zona, é polo que
SOLICITA
Unha reunión o máis urxente posible, a celebrar no Concello de Viveiro, entre o Xefe Provincial de Costas, a Alcadesa e os voceiros dos demais grupos políticos, para tratar de buscar solucións á problemática formulada. Este grupo xa manifesta a súa intención de acudir, como promotor desta reunión, así mesmo, informalo que este mesmo escrito será remitido á Xefatura Provincial de Costas, para facelo partícipe desta reunión.
Unha vez realizada esta reunión, este grupo considera conveniente, que se convoque outra reunión cos veciños afectados ao obxecto de trasladarlles as posibles solucións que se adopten.