Os alimentos, roupa e xoguetes doados polos participantes na I Quedada Solidaria Chipironera que este fin de semana tivo lugar en O Vicedo, entregáronse por responsables da asociación A Sombriza de San Ciprián -colaboradora do evento- ao párroco e membros de Cáritas da Unidade Pastorial Cervo-Burela, que se encargará da súa distribución entre familias con dificultades e poucos recursos da comarca. No caso dos xoguetes, os encargados do seu reparto serán os membros de Cruz Vermella.
Desde a organización agradecen a implicación de máis 70 participantes, afeccionados á pesca do chipirón, que chegaron de varios puntos da Mariña, A Coruña e Asturias. En total lográronse xuntar case 300 quilos de alimentos, entre produtos non perecederos e pesca.
Tralo éxito acadado, desde a organización xa adiantan que este verán proxectan unha nova cita que, probablemente terá lugar en terras asturianas, pois a intención dos organizadores é facela rotatoria. Seguirán informando nos grupos de Facebook.