Lugo, 12 de decembro de 2014. O proxecto Buxiganga, que impulsa a área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, que dirixe o nacionalista Mario Outeiro, levará esta fin de semana un curso de monólogos A Mariña. Concretamente, o curso desenvolverase na Casa da Xuventude de Mondoñedo e o encargado de impartilo será o actor, director, adaptador teatral e narrador Quico Cadaval.
O curso, encadrado dentro dos obradoiros formativos para afeccionados de Buxiganga e baixo o título ‘Contos en Mondoñedo’, é de 20.00 horas e cubriu as 20 prazas coas que contaba con persoas inscritas dende todos os puntos de Galiza. Ademais, tamén haberá representación da comarca da Mariña.
O curso dará comezo este sábado ás 09.00 horas na casa da xuventude da cidade episcopal e rematará, na xornada matutina, ás 14 horas. Retomarase pola tarde ás catro e finalizará ao redor das oito. O domingo desenvolverase de 10.00 a 21.00 horas.
Dende Buxiganga explican que “partindo de memorias familiares, acontecementos presenciados, historias lidas e medios esquecidas, e lendas contemporáneas ou perdidas no lameiro do tempo, os asistentes construirán os seus relatos. O tempo para contar é infinito, por iso chegou a nós desde o pasado remoto; mais o tempo do que dispomos é ilimitado aos dous días de Mondoñedo, por iso os asistentes deben preparar unha historia para a noite de despedida e logo prolongalos infinitamente. Tamén lle inventaremos unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro e ao mapa da cidade”, apuntan.