O Valadouro, 17 de xaneiro de 2015. A área de Deportes da Deputación achegará 14.000 euros para a renovación do céspede do campo de fútbol do Valadouro. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, visitou este sábado as instalacións do Árbol acompañado por membros do clube e do equipo de fútbol local.
As obras consistirán na renovación completa do céspede, mediante o escarificado do terreo, o aireado mecánico e a recollida de tacos, o enareado do terreo e o aboado e resembra da herba. “Trátase de realizar obras de mantemento e mellora da infraestrutura existente para así mellorar as posibilidades do campo e o seu uso habitual”, explicou Veiga, que avanzou que se pretende así “estimular a oferta deportiva favorecendo a participación das categorías infantís e escolares e a interrelación das categorías inferiores dos colexios co clube de fútbol da Asociación Deportivo cultural O Valadouro, de maneira que se fomente a canteira, o deporte base e o deporte escolar”.
“Queremos que o campo estea en boas condicións e permita ser usado moitas máis horas á semana para que os nenos e nenas poidan tamén facer uso del e incidir deste xeito no fomento do acceso ao deporte de base do colectivo infantil e xuvenil do concello, poñendo en valor as instalacións xa existentes e ofrecendo unha alternativa de ocio que trata de vincular a actividade deportiva escolar coa incorporación dos escolares á práctica competitiva a través do club local”, dixo o vicepresidente da Deputación, que aclarou que “as obras comezarán na primavera, cando mellore o tempo e unha vez remate a actual tempada, para non interferir na competición”.
Melloras noutras instalacións deportivas da comarca
Antonio Veiga destacou o “apoio da Vicepresidencia da Deputación ao mundo do deporte na comarca da Mariña nos últimos anos, un apoio que foi total e absoluto e que beneficiou a todas as disciplinas deportivas e a todos os clubes existentes, de todos os concellos da comarca”, lembrou.
Defendeu asemade as “melloras producidas nestes últimos anos nas instalacións deportivas de moitos concellos co obxectivo de consolidar a existencia dunha rede de instalacións deportivas públicas que responda ás necesidades reais da poboación, considerando a práctica de deporte como unha fonte de saúde e un mecanismo esencial da sociedade do benestar”, defendeu.
Na comarca da Mariña, a Vicepresidencia da Deputación subvencionou nos últimos meses obras nos campos de fútbol de Ribadeo, Trabada e Lourenzá e tamén concedeu axudas para melloras no pavillón municipal de Alfoz, nas piscinas de Cervo e de Xove e no campo de bolos de Riotorto. En total, destínanse anualmente máis de tres millóns de euros para a promoción do deporte na provincia de Lugo, dos que unha parte moi importante van directamente a equipos e clubs deportivos e o resto á construción ou mellora das instalacións deportivas existentes na provincia.
“As axudas aos clubes e asociacións deportivas manteránse no 2015”
O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da área de Deportes, o nacionalista Antonio Veiga, tamén destacou o esforzo realizado pola institución lucense a través do seu departamento e que “chegan á totalidade do tecido deportivo da provincia e a todas as disciplinas deportivas, dende as que contan con máis practicantes, como o fútbol, o fútbol sala, o baloncesto ou o atletismo, a outras máis minoritairas, como tiro con arco, tenis de mesa, submarinismo, patinaxe, motociclismo, loita, equitación, bátminton, natación, ou deportes tradicionais como os bolos ou a billarda”. En total, son 50 as modalidades deportivas diferentes que reciben axuda da Deputación, que benefician a benefician a máis de 200 clubs e asociacións deportivas lucenses e á totalidade dos concellos da provincia.
Antonio Veiga avanzou ademais que “pese á crise, manteremos e incrementaremos neste ano 2015 as cantidades do ano pasado porque nin os clubs de base nin as persoas que practican deporte na provincia de Lugo teñen culpa ningunha desta crise”. Só nos últimos tres anos, a Deputación de Lugo investiu máis de 9 millóns de euros en deporte na provincia de Lugo, explicou Veiga. “Non é casualidade que desde o ano 2008, coa nosa entrada no goberno, a Deputación de Lugo sexa das Deputacións do Estado que máis diñeiro inviste en deporte por habitante”, dixo. Veiga reafirmou que “con estas axudas democratizamos o deporte de base, todos os equipos e agrupacións deportivas da provincia poden beneficiarse destas axudas, tanto para a organización de actividades deportivas de natureza competitiva ou non competitiva e levar a cabo eventos deportivos. É fundamental que todas as persoas teñan acceso ao deporte independentemente da modalidade que sexa e do lugar no que vivan”, defendeu.




















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
