PALAS DE REI, 5 DE FEBREIRO DE 2015.- Os secretarios Provincial e de Medio Rural –Juan Carlos González Santín e Horacio Rouco-, acompañados do senador -Ricardo Varela- e da deputada no Congreso -Margarita Pérez Herraiz-, comprobaron este xoves na SAT San Antonio de Vilar de Donas, situada en Palas de Rei, que os gandeiros lucenses son os máis prexudicados de Galicia e de España pola baixada que está a experimentar novamente o prezo do leite. Deste xeito, no transcurso da visita, os socialistas constataron cos titulares desta cooperativa que os datos e as estatísticas refrendan que o inicio de 2015 non está a ser nada positivo para o sector, pois o prezo do leite en orixe que producen algúns dos gandeiros da provincia, e que se sitúa por debaixo dos 30 céntimos, non só é o máis baixo da Comunidade, senón tamén o peor pagado a nivel estatal.
Esta circunstancia é a que provoca, precisamente, que as 4.200 explotacións que hai en activo na provincia, e que producen 1.100.000 toneladas de leite –o 45% da cota galega e unha sexta parte da nacional-, deixen de gañar este ano, se se mantén o actual prezo por litro, preto de 5 millóns de euros con respecto á media das granxas do Estado. E é que nestas últimas, tal e como se pode comprobar no seguinte informe publicado polo Ministerio de Agricultura https://www.fega.es/PwfGcp/imagenes/es/Fega_Taa_Lactea_2014_12_tcm5-49040.pdf, a media do prezo do litro supera os 0,034 euros.
Deste xeito, os produtores galegos e, por tanto, os de Lugo mantéñense como os que menos diñeiro perciben de todo o territorio estatal, acumulando no último ano un descenso de 9 céntimos por litro. E é que en todas as Comunidades se mantiveron ou incrementaron os prezos, a excepción de Galicia, Castela e A Mancha, País Vasco e Valencia. Proba delo, é que a nosa Comunidade, que produce segundo a mesma fonte máis de 2.400 millóns de toneladas, está a 3 céntimos de diferencia da seguinte: Cantabria (34,1), e case 7 menos que o que se paga en Andalucía (38,2).
Afrenta do PSOE
Ante a obxectividade do datos, que amosan “a crítica situación” pola que atravesa o sector, os socialistas trasladaron aos socios da S.A.T de Vilar de Donas que están a presentar distintas iniciativas no Parlamento de Galicia, no Congreso, no Senado e en Bruxelas co fin de que o Goberno Central incorpore os tres elementos básicos que deben estar presentes no novo decreto lácteo: que se garanta a recollida do produto; que se modifique a figura do mediador, de tal xeito que este teña facultades reais de arbitraxe e sanción, pois ata o de agora este interlocutor segue tendo un carácter voluntario e, por último, que os contratos coas industrias teñan unha duración obrigatoria de 2 anos para que o sector primario “non se vexa sometido a unha continua perda de renda polas tensións baixistas que os especuladores van a introducir no mercado sen ningún tipo de reparo”, afirmaron.
Trátase, en definitiva, apuntou González Santín, “de buscar unha saída razoada e razoable para que Lugo non continúe sendo a provincia máis prexudicada, pois é a maior produtora de leite de Galicia e incluso de España; por tanto, o centro de actuación dos especuladores”.
“Grave panorama con fórmulas non legais”
Pola súa banda, os gandeiros trasladaron aos socialistas a súa indignación polo “grave panorama” que se lles presenta, xa que aseguran, “incluso se están a recurrir a fórmulas que non son legais como é a porcentaxe da lactosa para rebaixarlles aínda máis o prezo do leite”; unha situación que empeorará, tal e como destacou Horacio Rouco, coa entrada no mercado libre, a partires do 1 de abril. “E é que o feito de non contar cunha normativa elaborada dende o sentido común, vai a entregar ás industrias unha nova carta da baralla que provocará unha gran incertidume na recollida e a consolidación dos volumes na venda do leite”, explicou o secretario de Medio Rural.
Responsabilidade da Xunta
Por todo elo, os socialistas tamén apelaron á responsabilidade da Xunta de Galicia, destacando que quen ten primeiro que debe defender aos gandeiros galegos perante o Ministerio de Agricultura para evitar unha práctica abusiva por parte das industrias é o presidente autonómico. “Pedímoslle ao Sr. Feijóo que mire polo principal sector que sustenta a economía desta provincia. Os nosos gandeiros están perdendo cartos, ata o punto de que moitas explotacións deixarán de ser rendibles. Hai que pensar que na provincia nos dous últimos anos se perderon máis de 1.000 explotacións, polo que, de seguir así, o campo rematará sendo un deserto rural”, afirmaron.
Neste senso, e co fin de paliar as contiosas perdas que acumulan, instaron ao Goberno galego a convocar “con carácter urxente” os Plans de Mellora das explotacións. “Seguir retrasando estas axudas é unha cuestión inaplazable. A Xunta tan só ten que aportar o 12,5%, pois o resto provén de fondos comunitarios e estatais”, concluiron.