Cervo, 17 de febreiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia destinará novos recursos para conservar e poñer en valor o Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos. Con este obxectivo, asinará este ano un convenio de colaboración co Concello de Cervo que terá por obxecto contribuír ao funcionamento e conservación da Casa de Administración, así como a realización do proxecto expositivo do Museo Histórico de Sargadelos.
A aprobación deste convenio tivo lugar hoxe no marco da reunión ordinaria do Padroado do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, que se celebrou no municipio lucense de Cervo e que estivo presidida polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén participaron na reunión o alcalde de Cervo, Alfonso Villares; a xefa territorial de Cultura e Educación en Lugo, Carme Gueimunde; a xefa do servizo de Coordinación de Acción Cultural da Consellería, Yolanda Gómez; e a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez.
A Xunta de Galicia é a única administración que a realizar investimentos no Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, co apoio do Concello de Cervo, que acometerá actuacións para o acondicionamento exterior da Casa da Administración, a través de labores de limpeza e mellora dos accesos. Pola contra, a Deputación Provincial de Lugo nunca destinou ningún recurso a prol da que constitúe unha das testemuñas máis singulares do patrimonio cultural e industrial de Galicia.
O legado de Sargadelos
A Casa da Administración, convertida no Museo Histórico de Sargadelos, reúne todo tipo de pezas históricas da Real Fábrica de Louza e da actual Fábrica de Cerámica de Sargadelos. O museo tamén ofrece información sobre as distintas etapas históricas da Real Fábrica de Louza, sobre as materias primas e a elaboración das pastas para moldear as pezas, sobre a elaboración das formas e a súa tipoloxía ou sobre as coccións e a decoración das pezas.
O investimento de 30.000 euros que realizará este ano a Xunta de Galicia permitirán avanzar na conservación e posta en valor deste conxunto histórico-artístico, nacido da vontade de Isaac Díaz Pardo e de Luís Seonane de crear un lugar emblemático e pioneiro da creación artística e do rexurdir cultural de Galicia, preto do que foi o antigo complexo das fábricas de siderurxia e cerámica dos séculos XVIII e XIX de Sargadelos creado por Antonio Raimundo Ibáñez.
Un Ben de Interese Cultural
O pasado 22 de xaneiro, a Consellería de Cultura e Educación publicou no Diario Oficial de Galicia a Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, a Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, tal como establece o Decreto 171/2014, do 26 de decembro, aprobado polo Consello da Xunta.
Ademais de protexer e conservar este singular proxecto industrial, cultural e de identidade galega, a declaración como BIC contribúe, así mesmo, a poñer en valor e distinguir un conxunto industrial cunha gran significación arquitectónica, artística, científica, técnica e cultural único en Galicia, ao tempo que favorece a súa conservación a través da máxima protección legal.
A delimitación do complexo que establece a declaración como BIC inclúe o edificio circular de Andrés Fernandez-Albalat, a vivenda de Isaac Díaz Pardo, o Auditorio e Departamento de Arte e Comunicación, a Escola de Tecnoloxía e Laboratorios, a marquesiña ondulada de formigón do aparcamento, torres e pasarelas metálicas que comunican os edificios, o zócolo de pedra da ampliación da fábrica cos seus murais e esculturas de Díaz Castro, o depósito de auga-miradoiro, o edificio de tratamento de minerais, dous fornos experimentais e a Pía do Xunco co mosaico de Luís Seoane.
Ademais, a declaración BIC inclúe unha serie de pertenzas, accesorios e bens mobles e documentais vinculados especialmente ao conxunto que quedan tamén baixo protección, como os mosaicos de Luís Seoane no comedor do edificio circular, a escultura de tres caras de Díaz Pardo incrustada no muro da planta baixa da praza circular, a Táboa dos Irmandiños, os mobles deseñados por Díaz Pardo para o devandito edificio, e o sistema de sinalización, obra de Isaac Díaz Pardo.


















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



