RIBADEO, 27 DE FEBREIRO DE 2015.- O deputados autonómico –José Ramón Val Alonso-, acompañado dos candidatos á alcaldía de Foz e Ribadeo –Jaime Cancio e Roberto Ramos-, anunciou este venres que o Grupo Parlamentario Socialista pedirá no vindeiro Pleno da Cámara que a Xunta de Galicia acometa de xeito inmediato o dragado das dársenas portuarias destes tres municipios, co fin de garantir un calado mínimo aos seus usuarios, e proceda á colocación de novos pantaláns para aumentar o número de prazas de amarre e dar así servizo ao importante número de usuarios que están inscritos nas listaxes de agarda.
Será a través das iniciativas que vén de rexistrar na Cámara galega e que consisten en varias Proposicións non de Lei e preguntas, coas que pretenden, sinalou Val Alonso, que “Portos de Galicia cumpra coa súa obriga, xa que non entendemos como se pode abandonar deste xeito unhas instalacións tan necesarias para o desenvolvemento turístico destes tres concellos da Mariña”.
Precisamente, os socialistas visitaron hoxe a infraestrutura ribadense que, xunto coa de Viveiro, reclama con urxencia un dragado que permita recuperar a súa operatividade, pois, hoxe en día, estes atópanse completamente condicionados polo incremento de lodo e area. Tal é así que, nalgunhas zonas da dársena se pasou de 2,5 metros de calado a tan só 60 centímetros, ademais de existir un gran problema na propia bocana de acceso ao porto.
Polo que respecta ás instalacións viveirenses, e logo de que as últimas mareas vivas deixasen practicamente en seco o porto, a situación é moi semellante. Precisamente, isto foi o desencadeante de que as embarcacións con orza se apoiasen no fondo, provocando momentos de tensión para os propietarios que tiveron que reforzar os cabos e temendo que algunha puidese escorar ou envorcar sobre un costado.
“É lamentable ver que o Goberno galego vén de anunciar que se están a estudar proxectos para Burela e, sen embargo, mantén abandonadas estas instalacións que noutrora foron un potente dinamizador económico e de proxección turística para estas vilas; o que indica claramente que non hai ningún investimento previsto”, afirmou Val.
E é que “hai dous días se dicía que era competencia da concesionaria e onte que se está facendo este estudo. Son desculpas ante unha inactividade e unha inacción que non é de hoxe, senón dende que a Xunta de Galicia está en mans do Partido Popular. No canto de buscar unha solución acordada e consensuada, Portos ten optado pola confrontación coas dúas entidades concesionarias, poñendo enriba da mesa que os dragados entran dentro das responsabilidades destas entidades; algo moi opinable dado que as obrigas ás que están esixidas son exclusivamente os mantemento das instalacións, tal e como recoñeceron estes días dende a propia administración”. Por este motivo, engadiu, “consideramos que é preciso dar unha resposta para evitar situacións de risco para as embarcacións e mesmo tamén para os propios usuarios”.
A este respecto, destacou que “non podemos esquecer que ademais Portos de Galicia está ingresando anualmente, en concepto de concesión, en Ribadeo unha cantidade moi importante que ronda os 400.000 euros e, en Viveiro, os 300.000. Por iso, cremos que estes cartos teñen que reverter necesariamente nunha mellora na prestación de servizos para os propios usuarios”.
Na mesma liña, o candidato á alcaldía ribadense incidiu en que, “tendo en conta que este é un concello que vive do turismo, é importante que, por parte da Xunta, concretamente de Portos, se acometan estas actuacións, pois temos un dos peiraos co maior tráfico de mercadorías; o que supón unha fonte de riqueza moi importante”.
Foz, “nunha situación lamentable”
A infraestrutura de Foz, tal e como indicou Val, “atópase nun lamentable situación”. E é que aos notables problemas na canle de acceso ás dársenas, a pesares de ter feito dous dragados nos últimos tempos, únense as numerosas deficiencias dentro das mesmas, onde as embarcacións quedan totalmente en seco non só nas mareas vivas, senón tamén nas de coeficiente medio.
Asimesmo, os usuarios de xeito individual e mesmo tamén o Club Náutico levan moito tempo reclamando melloras que, a día de hoxe, “aínda non tiveron unha resposta seria por parte da administración autonómica”. Proba disto, destaca o voceiro de Pesca na Cámara galega, é que “a única contestación que recibiron foron promesas, desculpas e aprazamentos, pois que se nos dixo cando se presentaron os Orzamentos que había unha partida, a realidade é que non existe ningunha con nome e apelidos”.
“As enormes deficiencias fan que este porto non poida ser considerado como tal. Precísase calado nas dársenas e peiraos con prazas de amarre para dar servizo ao importante número de usuarios que agardan por elas”, insistiu Val.
Neste caso, a cantidade que percibe a administración autonómica sitúase entre os 60 e os 70.000 euros. Por este motivo, Jaime Cancio cualificou a actitude do Goberno galego de “fraude aos veciños”. “Hai catros anos o PP presentouse cun proxecto onde montou unha caseta. Posteriormente, tróuxolles un dibujito e hoxe o que temos e nin tan sequera dragado. A política é a mesma, dragan cando está cheo e nas estradas bachean cando non hai máis remedio. O mantemento das instalacións para o Partido Popular non existe”, apuntou.
“A Conselleira puxo en pé de guerra á toda a provincia”
Noutra orde de cousas, os socialistas, e logo dos últimos cambios producidos na xerencia do Hospital da Costa, tamén anunciaron que pedirán, no Parlamento de Galicia, que a Xunta de Galicia garanta a estabilidade no seu funcionamento. Neste senso, consideran que “o Partido Popular debe aclarar cales son os motivos de tantos trocos, pois isto non é un partido de fútbol porque o que están en xogo son as persoas, somos os mariñanos”. “Sen dúbida, esta é a Conselleira do récords. En pouco tempo, conseguiu poñer en pé de guerra á toda a provincia. Aos lucenses dilles que non precisan Hemodinámica as 24 horas, na Mariña converteu o Hospital nun ambulatorio e, en Monforte, as queixas da xestión integrada tampouco cesan…”, denunciaron.

















Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.
Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.



