Viveiro, 7 de abril de 2015.- Unha nova candidatura de unidade, que promoven partidos progresistas, sen representación municipal na derradeira lexislatura na cidade de Viveiro, formada por Esquerda Unida, Anova e persoas sen adscrición política, impulsan esta nova coalición “SON VIVEIRO”, coa que converxer para facer unha alternativa electoral real, aberta á integración con outras organizacións, das que o círculo de Podemos de Viveiro non quixo formar parte.
A decisión de presentarse foi aprobada nunha asemblea nesta mesma semana, na que se ratificou a Víctor Marcial Miranda Gómez como alcaldable nas próximas eleccións municipais de maio.
Nos vindeiros días ultimarase o programa político, presentarase o código ético e darase a coñecer o resto dos integrantes da candidatura, que estará formada básicamente por xuventude con experiencia en colectivos sociais e gañas de transformar o municipio, pero da que tamén forman parte persoeiros con gran bagaxe política, coma Orlando Expósito, ex-concelleiro de Esquerda Unida durante sete lexislaturas.
Os principios que promove SON VIVEIRO, entre outros, son a participación cidadá, transparencia, igualdade, honestidade e xestión directa dos servizos públicos.