O Kayak de Foz volve do embalse de Trasona (Avilés) con tres palistas metidos entre os 18 primeiros de España da categoría infantil e un entre os 25.
Tal e como estaba previsto, o Kayak desprazou 4 infantís -2 mozos e 2 mozas- ó II Campionato de España Infantil de piragüismo na distancia de 3000 metros onde fixeron moi bo papel na competición deixando o nome de Foz a un gran nivel.
Muller Infantil B K1
Paola García entrou no posto 17 a 1 minuto e 37 segundos da vencedora e a súa irmá Naila entrou no posto 25 a 2.07 da gañadora. Vistas as clasificacións das palistas pertencentes ós clubs galegos inscritos, Paola foi a quinta galega en entrar en meta e Naila a sétima.
Estes resultados fan abrigar grandes esperanzas con vistas á Copa de España Infantil de Zamora o 27 de xuño e ó Campionato Galego de Infantís a disputar en Boiro o 5 de xullo.
Home Infantil B K1
Fran Louro do Kayak e Adrián Padín do CP Portonovo disputáronse os postos 11 e 12 nun sprint final co que o mariñán entraba a 1.04.940 do vencedor. Con este resultado, o palista do Kayak ocupa o segundo posto entre os palistas galegos inscritos, sendo só adiantado, por 34 segundos de diferenza, por Marcos Muñiz do CP Portonovo (4º). Boas sensacións e mellores perspectivas de cara á Copa de España e ó Campionato Galego de Infantís.
Home Infantil A K1
O Club Kayak de Foz tiña na auga a Xoel García Neira, Campión de España Infantil B 2014 -título conseguido neste mesmo embalse o ano pasado- entre os 117 padexeiros que tomaron a saída.
Os favoritos non defraudaron e situáronse agrupados na cabeza. Nomes xa coñecidos como Adrián García da Escola Placentina de Piragüismo (3º clasificado o ano pasado), José Peral do CP Lipasam sevillano (2º o ano pasado), Joaquín Iglesias do CP Verducido (9º en pasado ano) ou Xoel García (campión) navegaban nese grupo de cabeceira, alternando as posicións e marcándose ferreamente uns a outros. Pese ós intentos de escapar nas saídas das ciabogas, ninguén lograba abandonar o grupo.
Nas manobras do paso da última ciaboga, un padexeiro tocou o temón do barco de Xoel provocándolle un xiro involuntario. O deportista do Kayak tivo que parar, retomar a trazada da ciaboga e arrincar de novo perdendo nesta manobra uns valiosos segundos que foron decisivos para o desenlace final. Por diante, as hostilidades estaban abertas. A escasos metros da liña de meta e tras un sprint a vitoria decantouse para Adrián García da Escola Placentina de Piragüismo marcando un crono de 11.59.73. Catro segundos máis tarde entraba Nel Sánchez do RGC Covadonga ocupando o segundo caixón do podio. Terceiro foi Diego Infiesta tamén do RGC Covadonga. Xoel García, tralo seu percance na ciaboga entrou na posición 11, a 45.73 segundos do vencedor non podendo revalidar o título de Campión de España.
Pese a este incidente, Xoel García Neira está entre os 3 mellores padexeiros galegos da distancia, só 3 segundos por detrás de Gabriel Pachón do Tambre (9º) e 14 segundos por detrás de Joaquín Iglesias de CP Verducido (5º). As espadas están en todo o alto para o asalto á Copa de España e ó Campionato Galego.
A próxima cita será a 3ª regata da Liga Galega de Infantís a disputar no Miño, en Lugo, o próximo 24 de maio.



















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
