O festival (S8) Mostra de Cinema Periférico, que se celebra na Coruña do 3 ao 7 de xuño, porá o acento no cine galego máis suxestivo a través dunha selección de máis de vinte curtas e longas, cun especial protagonismo do lucense Xacio Baño xunto a outros directores que traballan actualmente tanto en ficción como en documental.
As obras de Eloy Domínguez Serén, Ángel Santos, Alberte Pagán, Carla Andrade, Xiana Gómez Díaz, Diana Toucedo, Lucía Vilela, Helena Girón e Samuel M. Delgado, Jaione Camborda, Juan Lesta e Belén Montero, Miguel Mariño e Otto Roca son algúns dos creadores que amosarán as súas obras desde a sección ‘Sinais’ da carteleira da sexta edición do S8, certame que na súa sexta edición acollerá ademais a presentación de ‘El viaje de leslie’ do tamén galego Marcos Nine.
División espazo-temporal dos sentidos e da memoria
Xacio Baño (Xove, 1983) é un dos realizadores novos máis prolíficos e talentosos do cine galego actual. As súas curtametraxes deron a volta o mundo, recalando en citas de prestixio como Locarno, Clermont-Ferrand, Mar de Plata ou Busan, con premios en Las Palmas, Málaga, Albacete ou o Shnit Film Festival suízo. En 2009 decide saír da sala de montaxe para debutar na dirección de cine co seu primeiro traballo ‘Quentefrío’, inicio sobre unha pentaloxía dos sentidos á que seguiría ese mesmo ano ‘Relación de acordes’.
En ‘Estereoscopia’ (2011), unha obra na que dispón dúas realidades na pantalla partindo o lenzo en dous coa escusa dun transplante de ollo, Xacio Baño pon as bases dun método de traballo que remata de desenvolver en 2012 en Anacos. Nesta peza, o autor recorre novamente unha montaxe multipantalla con cinco perspectivas dunha mesma realidade mostradas en paralelo de forma simultánea, nun xesto de experimentación narrativa que lle valeu premios en Las Palmas, Málaga e Albacete, así como a selección en máis de 30 festivais de todo o mundo incluíndo o xa mencionado Clermont-Ferrand.
Baño continúa en 2014 o seu traballo sobre o tempo e a memoria en ‘Ser e Voltar’ (premiada en Clermont-Ferrand e seleccionada a competición en Locarno). A película é un reflexo xeracional contemplativo que describe o pasado dos seus avós nun retrato que tende pontes cara á xuventude de hoxe, representada polo propio realizador, baixo a premisa de ‘gravalos para telos preto cando xa non estean’.
‘Estereoscopia’, ‘Anacos’ e ‘Ser e Voltar’ formarán parte do foco especial que o (S8) dedicará ao realizador galego Xacio Baño na súa sexta edición. No programa tamén se poderán ver outros dous traballos de recente creación: ‘Ai Capitán’ (2014) desenvolvido dentro do proxecto ‘Nimbos’, e ‘Solpor’ (2014), realizada no seo da iniciativa ‘Chanfaina Lab’ ideada por Manolo González. A sesión, que terá lugar o xoves 4 de xuño na sede de Afundación na Coruña, contará coa presenza do autor, quen contestará ás preguntas dos asistentes despois da proxección.
Ao día siguiente, venres 5 de xuño, Baño volverá encontrarse cos espectadores nese mesmo espazo para manter un encontro co público que conducirá Ángel Santos, quen recentemente estreou a súa longametraxe ‘Las altas presiones’ (película gañadora da sección Las Nuevas Olas na 11ª edición do Festival de Cine Europeo de Sevilla). Nesta cita, Baño falará sobre as claves dos seus procesos creativos e tamén presentará o seu próximo proxecto aínda en fase de desenvolvemento.
‘Sinais en curto’: panorámica sobre a curta galega
Máis dunha ducia de realizadores galegos reuniranse a principios de xuño na Coruña para amosar un total de quince curtametraxes, na súa maioría producidas durante o último ano. ‘Sinais en curto’ convértese así nunha ventá ao novo cine feito en Galicia e un escaparate para que os realizadores presenten a súa obra tanto ao público coma aos profesionais da industria que se dan cita no (S8). A selección inclúe traballos rematados en 2015 de Juan Lesta e Belén Montero (‘El juicio adelantado’) quen tamén amosarán a peza ‘Cine ASCII_art.’ (2003). Ángel Santos presentará o seu traballo ‘Camiños de Bardaos’, Helena Girón e Samuel M. Delgado farán o propio con ‘Sin Dios ni Santa María’, e Clara Sobrino, con ‘Trance’.
Outras curtas producidas este ano que poderán verse na sección son ‘SANSa SOLEIL’, de Otto Roca, ‘Superfícies – peter (tubo)’ de Alberte Pagán e dúas películas en Súper 8, unha delas telecinada a vídeo, ‘Proba de axilidade’, de Jaione Camborda, e outra, ésta proyectada no seu formato orixinal, ‘Biontè’ de Lucía Vilela. Tamén neste compendio do cine galego máis suxestivo atopamos dúas obras do artista experimental coruñés Miguel Mariño, que proxectará ‘Lúa’ (2014) e Tríptico Binario (2014); así como de Diana Toucedo, de quen recuperamos o título ‘Ser de luz’ (2010).
Xiana Gómez Díaz, cineasta galega seleccionada como finalista do proxecto X Films de Punto de Vista, Festival Internacional de Cine Documental de Navarra, amosará a súas películas ‘While It Spins’ (2014) e ‘Dúas pitas / Two chicken’ (2013).
Así mesmo, a artista visual Carla Andrade presentará un diálogo entre as culturas chilena e nepalí, a través da contraposición do work-in-progress ‘Kuch Nahi’, peza rodada en 8 mm na que busca experimentar o baleiro do deserto de Atacama (Chile) en contraste co bullicio de Katmandú, protagonista dunha instalación titulada ‘Choven manchas de tempo’, que montará na Fundación Luis Seoane durante o festival.
‘Volontè’, o ruido entre suspiros
O (S8) acollerá, tamén dentro do programa ‘Sinais en curto’ , a estrea mundial da película Volontè, obra colectiva de Marcos Flórez, Helena Girón, Rafael e Roberto Mallo, Miguel Prado, Lucas Vázquez, Lucía Vilela. A curtametraxe retrata a reunión tras un ano de inactividade do grupo de improvisación sonora experimental e ‘noise’ do mesmo nome, desvelando o dispositivo fílmico ao tempo que o da propia banda. A proxección terá lugar o vernes 5 de xuño ás 22.30h no patio da Fundación Luis Seoane, nunha sesión que incluirá concerto e film-performance.
En Volontè, película rodada en 16mm, músicos e cineastas convértense nun único colectivo que defende o ‘amor como proceso de colaboración, como un encontro material concreto a través da participación de diferentes que co-escriben e co-producen xuntos’.
O tempo real, ‘Jet Lag’ e a noite
Eloy Domínguez Serén volve ao (S8) un ano despois de protagonizar o foco especial desta mesma sección, para amosar a súa longametraxe ‘Jet Lag’, película que abordou no encontro mantido co público na edición 2014 do festival e que meses máis tarde sería estreada na sección ‘Resistencias’ no Festival de Cine Europeo de Sevilla. Nesta obra, Domínguez Serén xunto a súa productora incondicional Beli Martínez, embárcase nunha investigación da noite, do tempo e a falta de sono, e de como todo isto inflúe física e psiquicamente no comportamento e na percepción humana.
A presenza de Eloy Domínguez Serén completarase cunha vídeo-instalación da súa peza ‘No novo céio’ na Fundación Luis Seoane. Esta obra foi exposta no marco do Festival Internacional de Cine de Estocolmo.
‘A viaxe de Leslie’ chega á Coruña
Trala súa estrena na competición documental da pasada edición do Festival de Cine de Málaga, ‘El viaje de Leslie’, nova película do realizador Marcos Nine (‘La Brecha’), poderá verse por primeira vez na Coruña na categoría de Special Screening. A proyección terá lugar o mércores 3 de xuño ás 20.00h no auditorio da sede de Afundación.
En ‘El viaje de Leslie’, o 1 de xuño de 1943 un escuadrón de JU-88 alemáns derriba un avión comercial frente á costa de Cedeira. Non hai supervivintes. Entre os pasaxeiros aparece un nome ilustre, Leslie Howard. Fálase de que era xudío, de que era un propagandista antinazi ou de que era un galán da industria de Hollywood, pero, a miúdo, a historia escríbese con fragmentos do que xa foi esquecido. O documental de Nine é o relato da historia que puido ser, unha viaxe a golpe de trazos e memorias que intenta abordar as diferentes teses sobre quen foi en realidade Leslie Howard.