Burela, 17 de xullo de 2015.- O alcalde, Alfredo Llano, mantivo un encontro co xefe do Servizo Provincial de Costas, José Miguel Estevan Dolls, no que falaron de cuestións relativas ao mantemento do litoral no municio. O rexedor tamén lle plantexou a necesidade de retomar un proxecto, que quedou pendente do anterior mandato, para a creación dunha zona de servizos nas praias do Portelo e do Cabaliño.
Llano sinalou que “queremos retomar esta cuestión que consideramos moi importante para estes dous areais: Portelo e Cabaliño. Gustaríanos contar cun pasarela que comunicara as dúas praias e que facilite o paso dunha a outra incluso en marea alta. O proxecto incluía a creación duns locais para albergar os servizos sanitarios e unha zona para os socorristas, que lles podería servir como almacén para gardar o seu material ou mesmo unha zodiac”.
O alcalde de Burela considera que “é preciso mellorar toda esa zona para beneficio de todas as persoas que acoden a gozar desas praias. Este proxecto quedou pendente no noso anterior mandato no Concello, porque non había presuposto. De aí que agora queiramos retomalo de novo”.