O luns 4 de xaneiro, ás 17.30 horas, no Auditorio Hernán Naval, Educa Teatro anima a ver dun xeito diferente o conto dos tres porquiños. “Como serían os tres porquiños e o lobo feroz hoxe en día? Onde poderían atopar un lugar seguro e limpo, lonxe das grandes fábricas, no que poder construír as súas casiñas? Que ritmos musicais empregarían para se presentar?”. A resposta a todos estes interrogantes, coma todo, está nos libros, e tamén na moderna historia que vai construíndo un explorador afeccionado aos contos que percorre o bosque na procura dos seus personaxes favoritos. O prezo de entrada será de 4 euros e ao final da función as pequenas e pequenos poderán tirar fotos cos protagonistas.
