Cervo, 30 de decembro de 2015.- O Concello de Cervo está a distribuír estes días calendarios de 2016 entre todas as familias do municipio para que os veciños teñan información precisa das citas importantes do ano. Nesta ocasión ilustran o almanaque imaxes de parroquias e veciños de Cervo nos anos oitenta do século pasado.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciou este mércores “que como vén sendo habitual, dende o Concello de Cervo estamos repartindo calendarios en todas as casas e unidades familiares do Concello de Cervo, todas as que temos no noso censo. Con eles queremos dar información precisa aos veciños daqueles eventos, citas e actividades xa programadas, ben organizadas polo Concello ou por outra asociación en colaboración co Concello. Neste calendario reproducimos imaxes de familias e veciños referentes ao noso pasado e este ano as fotografías son dos anos 80. Intentamos que aparezan representados veciños de todas as parroquias do Concello de Cervo”.
Villares asegura dende o Concello “consideramos importante recordar o noso pasado e darlle información precisa aos nosos veciños, así como tamén felicitarlles o ano, que as cousas nos saian ben e os desexos que poidamos ter se cumpran na maior das medidas”.
O rexedor rematou explicando que “aquelas familias ás que por calquera motivo non lles chegue o calendario poden achegarse ao Concello de Cervo e tamén se lles dará, se non o recibiron pola vía na que o estamos a repartir. Estase facendo en función do censo que temos no noso Concello e o reparto vai rematar antes do final deste ano”.