Mondoñedo, 4 de xaneiro de 2016.- O Goberno do Partido Popular dá maior estabilidade económica ao Concello de Mondoñedo. Así o asegurou este luns a concelleira de Facenda, María Ángeles Rodríguez Rico, quen informou que “tras só seis meses de xestión, cancelamos dous dos tres créditos que tiña subscritos a administración local”.
A edil matiza que, polo tanto, a situación económica do Concello “mellora coa cancelación destes dous créditos, un deles xa a data un de outubro de 2015 (contaba cun importe de 300.938,78 euros). O segundo deles, finalizado no día de hoxe, 4 de xaneiro de 2016, por un importe de 521.726,10 euros. Polo tanto, segundo indica a edil de Facenda só queda vixente “o do pago a provedores”.
Orzamentos
De igual maneira, a concelleira popular tamén adiantou que no vindeiro pleno de xaneiro serán aprobados os orzamentos do Concello para o ano 2016. “Xa informamos o pasado 23 de decembro, a través dunha Xunta de Voceiros, ao resto dos grupos políticos das contas para o próximo ano”, matiza María Ángeles Rodríguez. Durante esta reunión dos voceiros, o equipo de Goberno ademais de darlle a información aos grupos da oposición, tamén invitou tanto ao PSOE como ao BNG a participar na elaboración das contas.
Reorganización do persoal funcionario
Do mesmo xeito, dende a Concellería de Facenda deron conta dos cambios que se realizarán no Concello tras que se produza a xubilación do actual tesoureiro para “continuar coa boa xestión e que non se produzan retrasos nos pagos, nin nas labores administrativas que son da súa competencia”. Así, administrativos funcionarios do Concello asumirán estas funcións “establecéndose xa o reparto”.
Neste senso, María Ángeles Rodríguez resaltou a importancia de asumir este reto de reorganización do persoal funcionario ante a marcha dun “gran profesional, ao que tanto a alcaldesa coma o resto do equipo de Goberno lle estamos sumamente agradecidos pola súa implicación e axuda, agradecemento que tamén queremos facer extensible ao resto dos traballadores e persoal do Concello”.