Burela, 22 de xaneiro de 2015.- As laranxas pecharán a primeira volta mañá na casa coa visita do FSF Rioja, que chega á Mariña na zona baixa da táboa. O encontro, que arrincará ás 18.30 horas, poderá seguirse en directo a través de www.burelafs.org.
O conxunto da ex-laranxa Paula Cortiñas chega a Vista Alegre na antepenúltima praza, con 7 puntos. “É un equipo novo ao que lle custou arrincar en liga pola reestruturación de cadro, pero cada vez está mellor” advertía Lucas do rival de mañá, que conseguiu os seus tres últimos puntos na xornada pasada fronte a Majadahonda (3-2).
Lucas xa poderá contar para a cita coa recentemente chegada Dany. “É unha gran noticia; ofreceranos máis variantes en ataque e agresividade en defensa” explicaba o técnico, lamentándose dos últimos contratempos de enfermería. Xunto á ausencia da moza Emma, confirmada definitivamente unha rotura parcial de ligamento cruzado anterior no xeonllo esquerdo, tampouco estará Jozi, que continúa con molestias por unha contractura de cuádriceps. Maite será seria dúbida, por unha leve escordadura de nocello sufrida en Ferrol a semana pasada. Entrará na convocatoria Silvia Rubal.
CD Burela FS Pescados Rubén: 3. Dany, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 10. Lara, 11. Ceci, 13. Andrea C., 14. Bea Mateos, 15. Judith, 17. Maite (seria dúbida), 25. Silvia Rubal, 31. Eva