Compostela, 6 febreiro 2016.- Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), participou este sábado pola mañá en Ferrol, xunto ao portavoz de AGE en materia pesqueira no Parlamento Galego,Juan Manuel Fajardo, nun encontro co sector marisqueiro da comarca onde advertiron de que as leis que se están a impulsar tanto desde Europa como desde os gobernos de Galiza e o Estado español son para, en palabras da eurodeputada, “colocar a riqueza en mans de cada vez menos persoas”.
Na xuntanza, celebrada nas instalacións da Galería Sargadelos de Ferrol, participaron máis de medio cento de mariscadoras e mariscadores, e entre os asistentes tamén estivo presente o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.Durante a charla, Lídia Senra expuxo a importancia que teñen para ela este tipo de encontros, co fin de “escoitar as propostas” de cada sector para despois poder desenvolver o seu traballo no Parlamento Europeo e levar a esa institución as demandas dos distintos colectivos.
“A UE está traballando única e exclusivamente para poñer todos os recursos na man das multinacionais, e dá igual que falemos do agro, do mar, da educación ou a ensinanza. Todos os regulamentos que se están modificando a nivel europeo e todas as novas leis que está impulsando o neoliberalismo van neste sentido, no de concentrar a riqueza cada vez en menos mans”, alertou. Para a eurodeputada, “estamos ante un avance moi importante da política neoliberal que quere facerse con todo o que nos queda á clase traballadora e ás clases populares e, ante iso, é fundamental que o pobo estea informado para poder frear esas medidas”.
Senra fixo un repaso polas accións levadas a cabo por AGEe no que vai de lexislatura no Parlamento Europeo en relación cos asuntos pesqueiros e marisqueiros, incidindo en preguntas presentadas ao respecto da brutal contaminación das rías galegas, da necesidade de facer máis estudos sobre a biotoxina, a falta de axudas para a xente do mar que non pode traballar cando se realizan peches, a defensa da pesca artesanal, etc. “En Europa discútense a diario temas moi importantes que afectan de xeito directo á poboación galega”.
Neste sentido, alertou de que nestes momentos se esta discutindo sobre e a chamada Economía Azul e a gobernanza dos océanos. Un marco de traballo no que a Comisión Europea chegou a afirmar que o papel da pesca é “pequeno e subordinado ás moitas actividades que se poden realizar nos océanos, entre elas a obtencion de enerxia e a minería en alta mar”. “Están falando de que nun futuro se lle daría prioridade a proxectos de obtención de enerxía nos océanos, infraestruturas para o que levaría á instalación de máis parques eólicos mariños e outras iniciativas que afectarán e moito á nosa costa, á pesca e ó marisqueo, cun altísimo impacto ambiental negativo e un gran coste social”, dixo.
A eurodeputada de AGE relacionou tamén as decisións que se toman en Bruxelas coas que se toman tamén no Goberno da Xunta e no do Estado Español. “A Lei de Acuicultura galega vai no mesmo sentido do TTIP, posibilitar que todo recaia en mans de grandes empresas multinacionais”, exclamou. Fronte a iso, afirmou que a única solución é “a organización e mobilización do sector para frear leis como esa. Nós, as deputadas e deputados, podemos levar adiante as propostas do sector aos Parlamentos, podemos seguir dando a batalla e facendo encontros coa xente para que se saiba o que se está discutindo nas institucións, pero a solución pasa pola mobilización”, animou.
Pola súa banda, Juan Manuel Fajardo fixo un repaso polas numerosas “agresións” que ten sufrido o sector pesqueiro nos últimos anos e asegurou que isto “non é casual”, senón que é “unha estratexia do PP para que a xente que sempre traballou do mar en Galiza abandone o espazo que a Xunta quere entregarlle ás multinacionais”.
Fajardo alertou de que non é certo que a Xunta botase para atrás a Lei de Acuicultura, como deu a entender Alberto Núñez Feijóo, senón que o que fixo foi “pausala para gañar tempo ante a grande contestación en contra que está a ter por parte do sector”. “Pretenden calmar as augas e dentro dun tempo convencer a algunha xente do sector e tirar para adiante”, dixo, tras denunciar que hai quince días o Executivo galego aprobou unha partida de 900.000 euros para publicidade en medios de comunicación defendendo este modelo de pesca. “Desde a Consellería minten e enganan”, incidiu.
O deputado de AGE explicou que a Lei de Acuicultura permitirá que as multinacionais poidan explotar o conxunto das nosas rías. “Queren mudar o modelo de explotación tradicional por outro industrial”, dixo, e cuestións como que a instalación de proxectos acuícolas nas rías terá carácter supramunicipal é un exemplo. “Estamos ante a tormenta perfecta”, afirmou. A Lei de Acuicultura tamén suporá que nas nosas rías se poidan introducir especies carnívoras foráneas, modificadas xeneticamente. “Se traen salmón transxénico e os mexilóns van filtrar esas augas, despois deses mexilóns farán fariña para darlle de comer ao salmón, será unha roda. Alguén analizou o que pode supoñer?”, preguntouse. Con esta lei, a “acuicultura industrial será prioritaria alí onde se instale, e estableceranse áreas de exclusión e nelas os mariñeiros nin poderán mariscar nin achegarse”, dixo.
No encontro foron varias as persoas que tomaron a palabra para denunciar, entre outras cuestións, que “a conselleira de Pesca está intentando dividir ás confrarías” ante a Lei de Acuicultura.

















A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



