Lugo, 16 de febreiro de 2016.- Raquel Arias aposta porque os militantes elixan de forma directa a executiva provincial. Esa será, segundo asegura, unha das propostas que promoverá ante a dirección nacional e autonómica do partido porque a súa intención é que “este sexa o derradeiro congreso provincial no quen non voten os afiliados, que teñan que delegar o seu voto nos compromisarios”.
Argumenta a iniciativa recalcando que “o voto delegado e incompatible coa participación directa dos afiliados”. “E nós”, salienta, “queremos incentivar a implicación e participación das bases en todos os ámbitos do partido”.
“É un exercicio de democracia, transparencia e vitalidade”, engade, ao tempo que salienta que só deste xeito “se garante o verdadeiro sentir do partido”. Ademais, segundo recoñece, é unha demanda que “nos están a facer chegar os afiliados estes últimos días”.
Para a candidata popular o proceso vixente alimenta a confrontación, dado que “invita” ó pronunciamento público en favor dunha opción ou outra, cando o obxectivo que debe perseguirse é “o enriquecemento do proxecto político que compartidos todos os afiliados do Partido Popular de Lugo”.
“Debemos unir e fortalecer o partido; non alentar o enfrontamento”, asegura, polo que conclúe: “Un militante; un voto. Sen presións, nin especulacións, nin confrontacións. Exercido con liberdade e en segredo”.