21 de abril de 2016.- Dende fai un par de anos, o protagonismo da avespa asiática nas noticias é constante. A súa chegada ao continente europeo e a súa posterior expansión pola Península Ibérica fíxoas visíbeis nas terras da Faladora a través dos seus numerosos niños, perigosos para a seguridade cidadá.
Hoxe en día, esta especie exótica invasora eríxese como un grave problema medioambiental que atallar. Non só está en perigo a biodiversidade dos ecosistemas, senón tamén a función polinizadora do seu principal alimento, as abellas, e aqueles sectores productivos unidos a elas: a producción apícola e agraria.
Con afán divulgador, Nordés organiza o 22 de abril (venres) da man de Manuel Rodríguez, delegado no Ortegal da Asociación Galega de Apicultura (AGA), unhas xornadas de concienciación e aprendizaxe. Dende as 19:·30 h. realizarase un percorrido dende as orixes e características desta especie e subespecie (“vespa velutina nigrithorax), pasando polas súas causas e consecuencias para aprender a tomar finalmente as medidas necesarias ante a súa presenza: informar a organismos especializados ante un niño, colocar trampas fabricadas de xeito artesanal ou industrias, métodos de protección, … De aí que contemos coa presenza na charla de apicultores da zona e concretamente de José María Vázquez, da empresa Servicios Privados Antivelutina (SERPA), para presentar o seu “dispositivo protector de colmeas”.
Recordade, o venres 22 de abril ás 19:30 h. agardámosvos no Abeiro de Mañón, antiga sede da escola da Unión Mañoñesa, hoxe en día albergue e Centro de Interpretación do río Sor. Deixámosvos o seu facebook picando aquí.