O pasado domingo 24 de abril, unha trintena de camiñantes participaron no roteiro dos muiños do Fontecova dentro das actividades que o colectivo viveirés PENSAMENTO E SEMENTEIRA está a desenvolver nesta primavera. O roteiro tivo como punto de partida a esplanada de Verxeis, transcorreu polo primeiro tramo do paseo fluvial do Landro até o muiño das Aceas, realizouse unha visita ao Mosteiro de Valdeflores e percorreuse a beira do Fontecova até a capela da Sarna. Desde alí os camiñantes baixaron até o Centro Socio-cultural de Magazos onde repuxeron forzas cuns petiscos. A vindeira camiñada, “De Valcarría ao Pozo da Ferida” está programada para o domingo 15 de maio.
