Lugo, 13 de xuño de 2016.- Preto de sete millóns de euros dedicará a Xunta de Galicia a mellorar as instalacións educativas da provincia. Así o asegurou este luns a delegada territorial da Xunta, quen cuantificou en 127 as actuacións previstas.
As principais reformas refírense á eficiencia enerxética, á reparación de cubertas, e á ampliación de centros e execución de obra nova, principalmente en centros de Formación Profesional. “A aposta da Xunta pola FP ponse de manifesto tamén no investimento dedicado ós centros que a albergan”, puntualizou a delegada territorial.
Unhas actuación das que se beneficiarán 94 centros de ensino, en 46 concellos. Na comarca da Mariña a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria consignou 1,1 millóns de euros para a execución dunha trintena de obras.
“Un ensino de calidade, ademais dunha boa docencia e un alumnado predisposto e aberto a aprender, require instalacións axeitadas: confortables, accesibles e dotadas do equipamento preciso”, enfatizou a delegada da Xunta.
Raquel Arias pormenorizou que os 6.823.244,05 euros que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina este ano a mellorar as instalacións educativas da provincia proveñen dos fondos consignados baixo a denominación de RAM, do Plan de mellora das infraestruturas educativas 2015-2020, así como a cargo dos recursos adicionais obtidos a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade.
As 58 actuacións previstas no RAM, segundo dixo, están xa practicamente todas executadas. Restan por facer tres obras que, pola súa envergadura e para evitar que interferiran na actividade académica, levaranse a cabo durante as vacacións. É o caso do do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo no que vai a reparar a cuberta ao que se dedicarán 60.000 euros.
As do Plan de infraestruturas, que inclúe media ducia de actuacións por importe de 4,1 millóns de euros, corresponde á reforma do IES María Sarmiento, en Viveiro, que están a piques de dar comezo e na que se investirán máis de 400.000 euros.
No que atinxe ós Fondos por Superávit, que engloban algo máis de medio cento de actuacións nas que se investirán 2,2 millóns de euros, estase a preparar toda a documentación para que poidan saír a licitación canto antes. “A nosa intención é que a maior parte delas poidan estar rematadas antes do inicio do vindeiro curso”, indicou.
Deste grupo forma parte a ampliación do IES Perdouro de Burela por importe de preto de 170.000 euros; a actuación na cuberta do IES Monte Castelo e no CEIP Virxe do Carme, tamén neste concello con 200.000 euros de custo consignado para as dúas actuacións.
A realización dunhas pistas deportivas no CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo; reparacións varias no CEIP de O Vicedo; cambio de ventás no EOI, mellora de baños no CEIP Gregorio Sanz e mesmo o cambio do pavimento do ximnasio no IES Dionisio Gamallo en Ribadeo son algunhas das obras previstas.
Ás que hai que sumar outras actuacións no concello de Viveiro, entre outros centros no CEIP de Covas, onde se cambiarán os baños do zona infantil, ou no EEI de San Roque, no que se arranxará a cuberta.