Foz, 29 de agosto de 2016. A alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, cualifica de incrible a tempada alta deste verán no concello, polos récords de visitantes e de actividades diversas para todos os públicos que houbo.
“É tempo de valoracións porque chegou o remate da tempada alta do verán 2016 e estou seguro de que quedará para o recordo dunha inmensa maioría dos que gozamos no concello de Foz destes meses de xullo e agosto dun verán incrible”, manifestou hoxe o rexedor municipal.
Javier Castiñeira especificou: “incrible primeiro porque tivemos un tempo magnífico, cargado de días estupendos que fixeron lucir a nosa vila como a perla da Mariña, nome polo que é coñecida. Incrible pola cantidade de veciños e persoas que trouxeron récords absolutos de ocupación no noso concello, triplicando a poboación natural de Foz e convivindo con total normalidade. Incrible tamén pola alegría e o nivel de satisfacción de todas as persoas, pola acollida e a receptividade dos nosos veciños e pola colaboración cidadá que, sen dubida, vai mellorando verán a verán. Incrible polo récord de actividades que colmataron un programa lúdico, cultural e festivo sen parangón e que é dificilmente ampliable no noso concello: festivais musicais de toda índole e variedade, como os de Coa nosa fala, os encontros de corais, o Vrao, o Why not here fest, o de música electrónica Tentacle, Sons na rúa, etcétera; actos culturais como a Feira do Libro ou as xornadas da historia local; multitude de exposicións no Cenima, obras de teatro, bailes rexionais de O Feitizo e de A Subela”.
O alcalde engadiu que esta tempada tamén foi incrible “polas festas de verán da vila e das parroquias, por exemplo as cinco estupendas festas do Carme que temos no noso concello, algunhas delas multitudinarias como as de San Martiño e as de Foz; a Festa Normanda, que acabamos de rematar cun éxito absoluto; a celebración do San Juan, do Santiago, do San Lourenzo, festas que son de interese turístico; e outras máis coma as de Fondás, Vilaxoane, Marzán, Fazouro, a do Emigrante en Vilaronte, etcétera; festas gastronómicas coma a chicharrada no Día da Patria, o Foz Market, coas food trucks, o Zorza Celtas, a degustación de troitas en Fazouro, as churrascadas en Santa Cecilia e a mesma feira de gando en Cangas”.
Para Castiñeira os meses de xullo e agosto en Foz foron incribles ademais “pola cantidade de eventos deportivos que se desenvolveron durante todo o verán: as Noites Alternativas; a carreira popular Run Foz run, con cerca de mil participantes; o Costa Nova de fútbol, o torneo de tenis en Marzán, baloncesto e fútbol sala no Campo da Cabana, o torneo de andadura en Cangas e, por suposto, o paso antolóxico da Vuelta Ciclista a España polo centro urbano de Foz, máis outras actividades coma o bautismo náutico en moto de auga, e de iniciación ao kaiak, mergullo, vela, windsurf e pádel surf, que encheron a ría de Foz de cor e alegría. E para os máis pequenos, o programa Aberto por vacacións, os campus de patinaxe e de fútbol, as obras de teatro infantil, o San Lourenciño, etcétera. Foi incrible tamén por como luciron as nosas praias en todo o concello, abarrotadas de bañistas, con augas estupendas e limpas, sen incidentes substanciais e ben vixiadas; algunha delas como A Rapadoira que este ano celebrou os 30 anos da bandeira azul, coa Q de calidade de turística, certificados Emas e este ano con dúas novidades: catalogada como praia sen fume e que foi a base do tren turístico que este ano apostou tamén por Foz. Tamén foi incrible polo récord de visitas á basílica de San Martiño, pasando algún día das 550 visitas, ilustradas polo servizo municipal de guía, que está destacado e recoñecido en páxinas de calidade coma TripAdvisor. Incrible ademais pola cantidade de titulares e horas nos medios de comunicación, programas que recoñeceron o nivel turístico alcanzado no noso concello; e que dicir das redes sociais, pois por exemplo o facebook do Concello pasou de 5.000 seguidores, con novas que acadaron máis de 10.000 visitas, ou fotos, como as das alfombras florais do Día do Carme, que superaron os 600 megustas”.
E o rexedor municipal focense rematou comentando que “quizais vai ser un dos mellores veráns dos últimos tempos en Foz; e con esa idea é fácil pensar que todo se pode mellorar, pero vai ser dificilmente superable. Queridos veciños e visitantes, que ao final foron veciños tamén durante uns días, parabéns polo éxito acadado. E remato felicitando a todos aqueles que, dunha ou outra maneira, participaron na organización de todos estes eventos; e quero facer especial fincapé nas comisións de festas, as asociacións e clubs, o Centro Comercial Aberto, o persoal do Concello, a Policía Local, a Garda Civil, Protección Civil, socorristas e 061. Simplemente estivestes, coma o propio verán do 2016, incribles”.






















Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.
A artista, referente da música popular galega, conectou cun público diverso que gozou dunha sesión vermú marcada por máis de trinta anos de traxectoria. O concerto serviu tamén como despedida e recoñecemento a Valentín González e Viviana Pérez, que deixan a organización da comisión de festas tras dúas décadas. O deputado de Mocidade, Daniel García, destacou a importancia da implicación veciñal para manter vivas as celebracións que fortalecen a identidade comunitaria e reafirmou o apoio da Deputación ás redes asociativas e á programación cultural en galego. A actuación forma parte da iniciativa provincial para achegar música tradicional e en galego a todos os públicos.
Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



