Burela, 30 de agosto de 2016. O alcalde, Alfredo Llano, nas que anuncia que adoptará medidas legais contra o portavoz do PP no Concello, José Mª González Barcia, tras as acusacións realizadas nas últimas horas nas que asegurou que Llano cobrou en concepto de dietas en 10 meses arredor de 7.500 euros. O rexedor burelés asegura que o portavoz popular manipula os datos e minte, e non está disposto a consentilo.
Llano considera que “se trata das acusacións dunha persoa, que vive na Coruña, e que resucita de vez en cando aquí en Burela para dicir tonterías, quere minar e desequilibrar ao alcalde de Burela coas súas palabras, só quere facer dano a quen está tentando cumprir o mellor posible cos veciños e tentando levar a vida política do xeito máis honesto posible e transparente”.
O alcalde burelés dixo que “é unha mentira absoluta o que el mandou aos medios nas últimas horas, e como é unha mentira absoluta coa que só persegue facerlle dano e prexudicar persoalmente ao alcalde de Burela. Entón, eu Alfredo Llano, vou tomar as medidas legais oportunas para presentar a denuncia correspondente. Este señor só está preocupado de dicir falacias, por dicir mentiras, de inventarse datos que ninguén lle deu co único propósito de danar de xeito tremendo ao rexedor burelés”.
O rexedor sinalou que “estou no Concello dunha maneira honesta para traballar polos veciños de Burela e si alguén ten interese en saber o gasto en dietas terá toda a documentación inmediatamente, porque eu cada dieta que cobro vai documentada, digo qué día vou, a qué hora salgo, a qué hora chego, qué tema estou tratando e con quen o estou a tratar… nunca fixen unha saída para cobrar unha dieta, senón todo o contrario. As dietas veñen derivadas das saídas necesarias que teño que facer por ser quen son neste momento, o alcalde de Burela. Paréceme unha baixeza e moi triste como acabou esta persoa, que está metido en política, pero que faría moi ben índose para a casa”. Alfredo Llano pensa que “non lles está a facer ningún ben aos veciños e ás veciñas de Burela, só busca protagonismo a calquera prezo, xa o fixo coa noria de grandes dimensións que tivemos hai uns meses en Burela, está a meter en follóns ao grupo municipal”.
O alcalde insiste en que “as dietas son para compensar os gastos ocasionados por un desprazamento, non é para cobrar un sobresoldo a maiores do que eu percibo. Manipula datos, minte e encima fai crer á xente que eu estou gañando unha barbaridade ao cobrar unhas dietas que xa son única e exclusivamente para compensar os gastos que se teñen feito e adiantado con anterioridade”.
Llano subliñou que “minte na cantidade, minte na forma e minte en todo canto di. Como minte e é un mentireiro ademais moi mal intencionado, imos denuncialo porque é o que merece”.
O rexedor explicou que “no ano 2015 cobrei 890 euros e el dicía que cobrara 1.748 euros, inventou todo. No ano 2016 di que cobrei 5.833 euros cando en realidade cobrei moito menos, foron 2.926 euros. Non é cobrar nada a maiores, senón que é a compensación das viaxes que fixen. Dos 7.581 que el asegura non chega nin a metade o que eu levo cobrado en todo este tempo que levo aquí no Concello de Burela. Tiven dous viaxes a Madrid, viaxes a Santiago e tiven moitos viaxes a Lugo. Cada viaxe que fixen foi para facer algo moi concreto e bo para o meu concello. Evidentemente cando vou a Santiago é para tratar obras, para tratar con xente e mover temas en portos, medio ambiente, asuntos sociais, mar, etc…Se vou a Lugo tamén trato de mirar cousas tanto de Deportes como de Deputación, etc…. Hai que ver que cada viaxe que fixen sempre se compensou con algo positivo para Burela como quedou evidenciado neste último plan de emprego, no convenio que fixemos coa Deputación, con temas que se abordaron coa Xunta a través de plans, de axudas, etc… Todo ten un obxectivo e o resultado do traballo está aí”.




















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



