Cervo, 31 de xaneiro de 2017.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, acompañado do edil de Medio Rural, Plácido Pérez, e da concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez, supervisou este mediodía os traballos de saneamento que veñen de iniciarse na parroquia de San Román.
A obra conta cun presuposto inicial, nesta primeira fase, de algo máis de 57.000 euros.
A actuación pretende dotar do servizo de saneamento ao núcleo da Pena. Para elo, procederase á construción dun colector que dicorrerá, na súa maior parte, paralelo a viais existentes e que se conectará na depuradora que dá servizo ao núcleo da Senra. Neste senso Villares suliñou que dende o Concello se incide sempre no aproveitamento responsable dos recursos, como acontece neste caso, “que proxectamos no seu día unha depuradora coa intención de que prestase servizo tamén no futuro a outros núcleos da contorna”.
O alcalde destacou a importancia desta actuación para os veciños da parroquia, “son obras que non se ven, que están soterradas, pero que son moi necesarias para seguir a mellorar a calidade de vida dos cervenses, neste caso en beneficio daqueles que viven no rural, e para nós é primordial “que as inversión cheguen a cada recuncho do noso municipio que o precise, e dende o Concello traballamos decididamente para elo”, engadiu.
Trátase dunha actuación que se enmarca no Plan de Obras e Servizos (P.O.S. 2016) da Deputación, polo que o organismo provincial sufraga o 80% da actuación e o Concello o 20% restante.