Burela, 15 de febreiro de 2017. Concello e Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Burela plantarán 250 árbores nunha superficie de 8.000 metros cadrados na área recreativa do Monte Castelo. Será na vindeira primavera, segundo adiantou esta tarde o alcalde, Alfredo Llano, tras os traballos de corta e limpeza que se realizarán na zona ao longo das vindeiras semanas.
O rexedor contou que “de acordo coa presidencia da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común, de Burela, imos levar adiante un proxecto para que a área recreativa do Monte Castelo quede cada vez máis bonita e máis atractiva. E para iso imos plantar unha serie de frondosas autóctonas para darlle máis valor e máis espectacularidade paisaxística a toda esa zona. Será unha superficie duns 8.000 metros cadrados os que se van abarcar e as especies que imos plantar son castiñeiros, bidueiros, carballos e acivros, de tal maneira que procuremos darlle valor ás nosas árbores autóctonas. Imos plantar aproximadamente uns 250 árbores en total”.
Llano dixo que “deste xeito queremos darlle importancia ás nosas especies frondosas e á area recreativa do Monte Castelo, que gañará en beleza paisaxística e a xente poderá gozar e convivir con esta masa arbórea”.
Sinalización do acceso ao porto
O alcalde de Burela referiuse esta tarde á obra de acceso ao porto e á sinalización alí instalada e que haberá que cambiar proximamente: “estamos todos moi contentos coa obra do acceso ao porto. Hai algo que destaca, que é a sinalización que se colocou nada máis facerse a inauguración para informar nas rotondas. Alí pon centro urbán, pero ten que estar en galego normativo e o correcto é centro urbano. Tamén hai unha sinalización que chama moito a atención, que é a que indica cara ao hipocausto e estase concretando para dicir exactamente como se chama ese punto, que se coñece como Punta Limosa, Punta da Limosa ou A Limosa, pero agora mesmo está posto nesas sinais Campón. É un erro que non sabemos como se produciu”.
Alfredo Llano quere deixar claro que “evidentemente o Concello non tivo nada que ver nesas sinalizacións, que foron colocadas cando se estaba no proceso próximo á inauguración e o Concello non indicou nin propuxo esa información. Pero agora hai que rectificala porque non se corresponde nin coa cuestión idiomática, porque en galego dise urbano, e tamén porque hai unha zona mal indicada, pois pon O Campón para indicar Limosa ou incluso se pode concretar máis como Punta Limosa”.
O rexedor anunciou que “se vai colocar esa nova sinalización inmediatamente. Xa se solicitou o cambio a Infraestruturas, que é o departamento que ten agora a responsabilidade do acceso ao porto, aínda que en pouco tempo vai ser transferido a Portos, que será o propietario do acceso ao porto. Pero en principio as nosas indicacións van cara a Infraestruturas para se rectifiquen e modifiquen esas indicacións informativas. O Concello só ten un interese, que é poñer as cousas ben”.






















A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano. 



