Foz, 14 de marzo de 2017. Con motivo do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, que se conmemora mañá, mércores, día 15, a OMIC de Foz dá a coñecer os servizos que ofrece.
Desde este servizo municipal explican que “o 15 de marzo é o Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, unha data que é bo recordar pola defensa dos usuarios e consumidores a través das OMICs. A do Concello de Foz aproveita para recordar que os intereses e problemáticas aos que se enfronta o consumidor son demasiado amplos: hoxe as cláusulas bancarias abusivas (cláusulas chan, gastos de hipoteca, comisións, vencementos anticipados, …), problemas de telefonía, de luz e gas, de garantías, de auténticas estafas de vendas domiciliarias, comercio electrónico, …, que afectan a miles de persoas, teñen na OMIC o acceso á información necesaria e o apoio do Instituto Galego de Consumo para poder defender os seus dereitos como consumidores de forma gratuíta e sinxela”.
Ademais engaden: “tamén aproveitamos para recordar o seu funcionamento: deben facer a súa reclamacións primeiro na empresa. Esta debe ter obrigatoriamente follas de reclamación e contestar nun prazo estipulado. Se non hai acordo é cando se pode reclamar a través das OMICs; mellor previr que lamentar: non abran a porta a descoñecidos ou se ven que son comerciais, non atendan se son persoas maiores ou inseguras e, sobre todo, non asinen nada sen estar seguros de ler todo o contrato; hai un prazo para facer reclamacións: desde que ocorren os feitos non poden pasar máis de 6 meses, senón non se ten dereito a reclamar. O teléfono 900.23.11.23 é gratuíto e tamén se pode baixar a aplicación de consumo a dispositivos móbiles a través da páxina web do Instituto Galego de Consumo, da Xunta de Galicia”.