Mondoñedo, 21 de xullo de 2017 .- O Goberno local agradeceu hoxe que o calendario de Feiras do Libro de Galicia incorpore este ano á cidade de Mondoñedo, que acollerá a celebración da súa Feira do Libro a vindeira semana, en concreto, os días 24, 25 e 26 de xullo, durante os que se desenvolverá un programa de actividades a través do que se acerca a lectura á cidadanía, ao tempo que se presentarán novidades editoriais dentro dun contexto de ocio con actividades para os maiores e os máis pequenos.
A voceira do Goberno local, Ángeles Rodríguez, participou esta mañá no acto de presentación deste encontro feiral que chega a Mondoñedo o luns, martes e mércores e que, segundo explicou, “os autores, creadores, libreiros e amantes da lectura terán como punto de encontro un dos enclaves máis prezados da nosa localidade, a rúa da Fonte, onde se localiza a nosa Fonte Vella, da que tanto escribiu un dos nosos escritores, Álvaro Cunqueiro Mora”.
“Álvaro Cunqueiro xunto a outros grandes poetas e escritores que naceron nesta cidade e percorreron estas rúas colocan a Mondoñedo nun lugar destacado dentro do patrimonio cultural e literario galego e nacional”, precisou a voceira, quen tivo palabras de eloxio para o potencial literario que “sempre inundou a nosa localidade”.
Desde o Goberno local destacan a importancia destas feiras como espazos para a lectura, a cultura e a educación. “Trátanse de iniciativas que permiten espertar o interese pola lectura ademais de que se converten en escaparates que axudan a dar a coñecer as novas ofertas do mundo editorial”.
Programa de actividades
Durante a presentación do encontro, celebrado esta mañá coa intervención, entre outros, da coordinadora da Federación de Libreiros de Galicia, Nani Regueira, e da xefa da Área de Cultura da Delegación Territorial da Xunta de Lugo, María José Gómez Rodríguez; a responsable municipal desexou que a Feira do Libro de Mondoñedo “teña o maior dos éxitos e animou aos cidadáns a ler e a comprar libros, xa que dende as institucións debemos favorecer a aproximación ao mundo do libro e a dinamización da lectura”.
Neste eido, o programa de actividades que se desenvolverá os próximos días 24, 25 e 26 de xullo acerca a cidadanía ás novidades editoriais no marco dun contexto de ocio no que os maiores e pequenos poderán atopar actividades e lecturas do seu interese.
A inauguración da Feira do Libro de Mondoñedo, que se celebrará na Rúa da Fonte, terá lugar o luns 24, ás 19:00 horas, da man do escritor e cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa; coa ambientación musical a cargo da Escola de Música da localidade. O mesmo día ás 20:00 horas, desenvolverase a mesa Falando de Libros… con Antonio Reigosa e Felipe Galán, autor do El último secreto de Verne e como moderador estará Carlos G. Fernández, escritor e xornalista.
Xa o martes, o programa inclúe a presentación de Orillas de Ébano de Aida Soilán por Editorial La Plana ás 13:00 horas; ademais da celebración do obradoiro infantil Xogando coa historia, pola Nube Teatro ás 18.30 horas. unha hora despois (ás 19:30) dará comezo o Club de lectura de Mondoñedo, coordinado por Rubén Souto Gómez. Ás 20:30 horas, celebrarase de novo unha mesa de debate neste caso sobre Autoedición coa participación de Pablo Piñeiro (De tu corazón a mi libro) e Rocío López (Olvídate del cielo).
O mércores pola mañá (12:30 horas) tamén haberá un obradoiro de ilustración baixo o nome de Imaxinando sobre papel con Noemí López e xa pola tarde, as 18:30 horas, o espectáculo musical O Mundo de Carliños a cargo de Luís Vallecillo, baseado en Carlos Casares. Para pechar o día, presentarase o libro Celebración de Mondoñedo do escritor Antonio Reigosa publicado por Ediciones Embora e O tabú na traslenda de Isidro Novo por Urco Editora.
Por último, en canto ao horario da feira, esta desenvolverase en horario de mañá de 12:00 a 14:00 horas e de tarde entre as 17:30 e as 21:30 horas. O día 24, a feira abrirá pola tarde ata as 22:00 horas.


























As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.
A cita, consolidada como un referente do verán cultural no municipio, reuniu na Praza dos Campos á formación anfitriona do encontro, a Agrupación La Sidrina, de Lugones (Asturias) e o Grupo Folklórico Estampas de México. A programación continuou o sábado coa celebración do Festival Folklórico Infantil. Villares puxo en valor o labor que o grupo Mistura desenvolve durante todo o ano na conservación e difusión do patrimonio cultural galego, así como a importancia de iniciativas coma este festival “para manter vivas as tradicións e dinamizar a vida social e cultural dos nosos concellos”.
A mostra reúne imaxes tomadas en Galicia, Cataluña, Aragón, Andalucía, Senegal e Escocia, ofrecendo un percorrido pola biodiversidade e polos vínculos entre distintos ecosistemas. O fotógrafo, naturalista especializado en ornitoloxía, invita a contemplar a natureza cunha mirada pausada e consciente a través de 50 especies de fauna. Permanecerá aberta ata o 29 de xullo.
As familias, o equipo docente, e o alumnado da Escola Infantil Municipal desfrutaron esta semana dunha xornada de convivencia e aprendizaxe neste parque. Ao longo do día, ademais de visitar a reserva e coñecer de preto numerosas especies animais, compartiron un agradable picnic nas instalacións do parque e tiveron acceso tanto á zona exclusiva da reserva como ao resto do recinto. A xornada rematou cunha actividade moi especial: un pequeno teatro participativo sobre a prevención dos incendios forestais, no que os nenos e nenas aprenderon a importancia de coidar os nosos montes e de evitar condutas que poidan provocar lumes, como abandonar obxectos de vidro na natureza. Un día cheo de experiencias, convivencia e aprendizaxes que reforzan o compromiso coa educación ambiental desde as primeiras idades.



