NOTA DE PRENSA
O voceiro do Mar dos populares galegos demandaba a través desta iniciativa ao Executivo socialista central que garanta a calidade deste servizo básico para a protección da seguridade e saúde das xentes do mar
O PARLAMENTO DE GALICIA PIDE POR UNANIMIDADE, A INICIATIVA DO PPdeG, QUE O GOBERNO CENTRAL REFORCE OS MEDIOS MATERIAIS E PERSOAIS DOS SERVIZOS MÉDICOS DO INSTITUTO SOCIAL DA MARIÑA
* Os populares lembran que os recoñecementos médicos que practica o ISM, que acreditan o bo estado de saúde daquelas persoas que van a embarcar, son preceptivos segundo a lexislación vixente e polo tanto as demoras que se están a rexistrar no servizo implican que moitos dos tripulantes perdan o embarque, co conseguinte menoscabo económico
Santiago, 18 de decembro de 2009.- O Parlamento de Galicia pide, a iniciativa do PPdeG – e co apoio do resto das forzas políticas- que o Goberno central reforce os medios materiais e persoais dos servizos médicos que o Instituto Social da Mariña ten na nosa Comunidade. O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro Orol, demandaba a través desta iniciativa ao Executivo socialista de Zapatero que garanta a calidade deste servizo básico para a protección da seguridade e saúde das xentes do mar.
O Grupo Parlamentario Popular tiña constancia de múltiples queixas dos usuarios dos servizos médicos do Instituto Social da Mariña (ISM) na costa de Lugo- nomeadamente nas localidades de Celeiro e Burela-, xa que se estaban a producir importantes demoras no establecemento das citas que este organismo outorga para que aqueles que teñen previsto embarcar poidan efectuar o correspondente recoñecemento médico. Malia que nun primeiro momento o ISM reforzou o servizo con novos facultativos, despois das denuncias dos populares, a solución non se adoptou con caracter permanente, polo que son frecuentes novos colapsos no servizo.
Desde o PPdeG lembran que os recoñecementos médicos que practica o ISM e que acreditan o bo estado de saúde daquelas persoas que van a embarcar, son preceptivos segundo a lexislación vixente e polo tanto as demoras que se están a rexistrar no servizo implican que moitos dos tripulantes perdan o embarque, co conseguinte menoscabo económico.
FUNCIONAMENTO ANÓMALO DA ADMINISTRACIÓN
“Non pode ser que un funcionamento anómalo da Administración Pública dependente do Goberno socialista de Zapatero vaia en prexuízo das xentes do mar. Estamos a falar dun servizo básico de importancia radical, por canto se trata de garantir que as persoas que embarcan poden facelo en perfecto estado de saúde. O esquecemento no que o Goberno central mantén á Mariña lucense non pode chegar ata estes extremos. De aí que, teña todo o sentido que sexan as institucións galegas e, de ser posible, por acordo de todas as forzas políticas, ás que insten a administración central a corrixir estas deficiencias. Esperemos agora, que o Goberno central faga caso a esta demanda do Parlamento”-explicou o voceiro do Mar do PPdeG.
CAMBIO NO MODELO DE CONTROL DAS BIOTOXINAS
Esta non foi a única iniciativa do Grupo Popular, tramitada no seo da Comisión 8ª, de Pesca e Marisqueo, celebrada na mañá de hoxe no Parlamento de Galicia. Os populares preguntaron sobre a incidencia do posible cambio de modelo de control de biotoxinas mariñas nos mariscos bivalvos que propón a Comisión Europea e que podería traer consigo un grave prexuízo ao sector marisqueiro e bateeiro galego, xa que implicaría o peche e a prohibición de comercialización de moita da nosa produción.
Os populares adiantaron que promoverán todo tipo de iniciativas, tanto na Cámara galega como no resto das institucións, incluído as comunitarias, para que, cando aló polo mes de abril, teña lugar unha nova xuntanza do comité europeo encargado de adoptar a decisión final ao respecto do método de análise das biotoxinas, tanto o Goberno de España como o resto dos países membros da Unión, desboten esta posibilidade e defendan a continuidade do modelo analítico actual –de carácter biolóxico-, que ofrece plenas garantías para a saúde dos consumidores.
O voceiro do Mar, Balseiro Orol, amosa o total apoio dos populares galegos ás xestións que está a efectuar a Xunta na defensa dos intereses do sector marisqueiro e bateeiro galego, tendo en conta ademais que os mariscos bivalvos e mexillón capturado en Galicia é, pola súas condicións nutricionais e garantías hixiénicas, o mellor do mundo, con diferenza.

















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



