Ribadeo, 7 de setembro de 2017. O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Ribadeo denuncia a mala imaxe que levan os turistas polo lixo acumulado na contorna da praia das Catedrais e doutros areais, e a sucidade nas rúas da vila. O portavoz popular, Jesús López Penabad, engade que ultimamente a actuación do equipo de goberno é practicamente nula.
Jesús López Penabad explica “estes días saíron os datos de visitantes en xullo e agosto e parécennos uns datos interesantes. Pero a imaxe que van levar todos eses turistas vai ser moi mala. Empezando pola galiña dos ovos de ouro, que din sempre de As Catedrais, se vostedes pasan por alí as papeleiras están atestadas de desperdicios e totalmente abandonadas. Son deberes municipais e cando hai máis afluencia de xente haberá que ir máis periodicamente, pero o que non se poden deixar é na situación que están en As Catedrais, nos Castros, nas Illas e en xeral en toda a costa de Ribadeo, que nestas datas é o que recibe máis visitantes”.
O voceiro popular recorda que “o outro día falábamos da rúa San Roque, que sigue con gran perigo e nunha situación lamentable, pero non é só esa, son todas. Menos mal que a climatoloxía axuda de vez en cando e chove, porque o que é regar as rúas en Ribadeo eu nunca o vin este verán. As beirarrúas están cheas de feces dos cans e outros desperdicios, polo que habería que darlles unha limpeza de vez en cando, pero nada”.
López Penabad considera que “Ribadeo vive por unha inercia pura da situación que ten con respecto á Ponte dos Santos, a Asturias e á autovía do Cantábrico. Pero a actuación do equipo de goberno é practicamente nula. Venden fume. Grandes obras xa non fan pero o día a día, a limpeza das rúas, a atención á limpeza das papeleiras, nos areais, brilla pola súa ausencia”.
O portavoz do PP engade que “sobre o aparcamento de Rosalía de Castro, din que van regar, pero é que non é só regar porque hai unha areíña por alí que ademais de molesta eu supoño que para os que padecen algún tipo de afección respiratoria non será o máis beneficioso. Din que van regar dúas veces ao día pero non soamente hai que regar, hai que limpar e sobre todo hai que solucionar os problemas que temos os ribadenses, cousa que non fai este equipo de goberno. Vexo ao goberno local cun pasotismo absoluto, vivindo cómodos na poltrona e esquécense de Ribadeo e de todos os ribadenses. Rogámoslles que se poñan a traballar, a xestionar e a gobernar Ribadeo, que poder para iso teñen, déronllo os votos. Teñen dez concelleiros pero realmente o sentir noso, e creo que popular, é como se estiveran en ínfima minoría porque o traballo brilla pola súa ausencia”.
Os populares critican ademais que “as árbores de folla caduca empezan a tirar as follas. Onte pasei pola zona do mercado de abastos e o chan estaba que daba pena. Empezan a caer as follas, chove e é un perigo porque resbala. Faláronos de que ían traer outra nova máquina varredora, hai meses que nos falaron dela pero varredora só hai unha. Eu creo que a xente que está traballando está facendo moi ben o seu labor pero non hai medios suficientes; e iso quen o ten que xestionar é o equipo de goberno, e non o fai. Polo tanto póñanse as pilas e adecenten Ribadeo, que é moi necesario”.
















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



