Mondoñedo, 4 de outubro de 2017.-O Goberno local do Concello de Mondoñedo mellorará a convivencia entre peóns e vehículos coa ampliación do número de prazas de aparcamento no casco histórico. Isto será posible grazas á compra dunha nova finca de 1.539 metros cadrados en Casas Novas que se vén a unir a outra adquirida o pasado ano, coñecida como a finca de Jesús Rivas, máis á cedida pola Xunta ao lado da Igrexa Nova.
O Goberno local plantea habilitar un aparcamento que abarca as tres parcelas e que permitirá crear 121 prazas para uso dos vehículos. A finca adquirida onte suma 2.328 metros cadrados, aos que sumar 1.070 e 400 m² das outras dúas parcelas.
Creación dunha mesa de traballo
A rexedora avanza a posta en marcha dunha mesa de traballo para modificar a ordenanza de tráfico e adaptala á nova realidade. Así, convida a todas as forzas políticas, a agrupación de taxis, a Policía Local e ás asociacións de comerciantes e cultura a formar parte deste proxecto que permita contar cunha cidade máis habitable e un tráfico fluído, beneficioso tanto para os vehículos como para os viandantes.
A rexedora remarca o interese do seu Goberno por ser unha cidade “con oportunidades”, polo que pon en valor este investimento que capitaliza o Concello e que incidirá directamente en revalorizar unha zona moi importante de Mondoñedo.
A última adquisición do Concello
A finca adquirida onte polo Concello atópase en Travesía Casas Novas, ao lado dos terreos que Educación cedeu no recinto da Granxa, preto da igrexa nova. A ampliación desta zona permitirá ademais facilitar a entrada e saída do recinto, así como aumentar o número de espazos nos que poder aparcar. O Concello conta así con tres parcelas na zona que destinará ao estacionamento de vehículos nas que se farán obras de acondicionamento que garantan as condicións de estanqueidade, estabilidade e ornato público.
A alcaldesa, a popular Elena Candia, explica que se trata dun paso “importantísimo” para a cidade, que permitirá avanzar na posta por en valor do casco histórico, así como unha organización fluída do tráfico rodado.
Impulso ao casco histórico
Este obxectivo será posible tamén en virtude dun protocolo asinado co Ministerio de Fomento para a posta en valor do casco histórico. Desde o Concello aseguran que todas as medidas postas en marcha polo Executivo local están encamiñadas a rehabilitar e mellorar o casco histórico da localidade, tanto para os veciños e veciñas como para os visitantes. Así, recordan o protocolo asinado con Fomento para avanzar nesta fin, o que favoreceu importantes actuacións na Rúa Lence Santar ou o acondicionamento da travesía Casas Novas, entre outros.