- 'De compras pola Mariña' co escritor e xornalista José Ribagorda, que estes días visita o comercio local desta comarca nunha defensa e aposta polos negocios dos nosos pobos, que son os que enchen de luz e de vida as rúas mariñás
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
- Tres espectadores resultaron feridos, un deles grave, logo de que se lle saíse unha roda a un coche de rallye en Outeiro de Rei
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
- O deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García asistiu este venres ao acto institucional de inicio das San Lucas de Mondoñedo
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
- A asociación Mistura de Lieiro promoveu este mércores unha nova xornada de limpeza na praia de Cubelas, enmarcada no Plan de Acción de Alcoa
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
- Dúas alumnas do IES de Foz, Kiara e Marta, resultaron gañadoras do Premio Especial no XXV Campionato Mondiale di Pizza Piccante celebrado en Italia
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
- Unha proposta de novo circo para público de familiar chega ao Teatro Pastor Díaz de Viveiro este sábado 17 ás 18:00 h: 'Sen Patrón', da compañía Pistacatro, Premio Nacional de Circo 2025
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
- O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, mantivo este martes senllas reunións coa Asociación de Veciños ‘O Vencello’ e coa Asociación da Semana Santa de Burela para coñecer as súas necesidades e estudar novas vías de colaboración
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.