Santiago, 12 de xaneiro de 2018.- A Oficina Técnica da Seca propuxo esta mañá pasar á situación de prealerta por seca en 12 sistemas hidrográficos da Demarcación Galicia-Costa. Esta é unha das principais conclusións á que se chegou esta mañá na reunión da Oficina Técnica da Seca, presidida polo director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, na que se analizou a situación dos recursos hídricos da Demarcación Galicia- Costa. Os técnicos concluíron que, con carácter xeral, aínda non se ten constatada unha situación de normalidade no mes de decembro a situación mellorou de xeito xeneralizado. Non obstante, esta melloría non se produciu por igual en todos os sistemas da demarcación e en ningún sistema acada a situación de normalidade propia desta época do ano.
Os sistemas que pasan a situación de prealerta son: os sistemas 1 e 2, concas do Verdugo e Oitavén e de todos os ríos máis pequenos que desembocan na Ría de Vigo e na costa dos concellos de Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda; sistema 3, conca do río Lérez e de todos os ríos máis pequenos que desembocan na ría de Pontevedra; sistema 9, conca do río Grande e de todos os ríos máis pequenos que desembocan na ría de Camariñas e a costa de Laxe; sistema 10, conca do río Anllóns e dos ríos máis pequenos que desembocan na costa dos concellos de Ponteceso, Malpica e Carballo; sistema 13, conca do río Eume e de todos os ríos máis pequenos que desembocan na ría de Ares (costa de Ares, Cabanas, Pontedeume e Miño); sistema 14, conca do río Forcadas e de todos os ríos máis pequenos que desembocan na ría de Ferrol e as costas norte de Ferrol Narón e Valdoviño; sistema 15, conca do río Mera e de todos os ríos máis pequenos que desembocan nas rías de Ortigueira e Cerdeira; sistemas 16, 17, 18 e 19, os ríos da Mariña lucense que desembocan no mar Cantábrico.
Por outro lado, tamén se decidiu manter a situación de alerta por seca nos sistemas que se corresponden coa zona central (sistemas do 4 ao 8, ambos incluídos), onde os principais ríos que se atopan son o Tambre, Ulla, Umia, Xallas e Castro e en xeral as concas de todos os ríos que desembocan na costa comprendida desde O Grove ata Cee e os sistemas 11 e 12, no que se atopan as concas dos ríos Mero e Mandeo e as dos ríos máis pequenos que desembocan na Ría da Coruña, ría de Betanzos e na costa de Arteixo. (Ao final da nota inclúese un mapa no que se identifican os sistemas da Conca Galicia-Costa).
Indicadores analizados
O director de Augas de Galicia argumentou que despois dun outono moi seco, as condicións meteorolóxicas foron cambiando durante o mes de decembro tras o paso de sucesivas borrascas que deixaron choiva continuada e persistente. De feito, o último mes do ano 2017 foi máis húmido do habitual e as predicións que trasladou Meteogalicia apuntan a que o mes de xaneiro estará por riba da media climatolóxica no relativo ás precipitacións.
En relación co caudal fluínte dos ríos, os niveis presentan unha tendencia clara de aumento, pero aínda continúan por debaixo dos valores medios normais para esta época do ano. Ademais a recuperación non se produciu de forma similar en toda a demarcación e por esta razón é recomendable manter a situación de alerta naqueles sistemas onte está a ser algo máis lenta, os sistemas do 4 ao 8, 11 e 12), precisou o director de Augas de Galicia, quen engadiu que os piezómetros tamén acreditan unha certa recuperación na maioría de puntos de control, pero con distinta incidencia en función da súa bacía.
En relación coa situación dos embalses, estes tamén melloraron. A porcentaxe de ocupación dos destinados aos abastecemento (dato do 8 de xaneiro) sitúase no 74,15%, situándose na media dos últimos 5 anos.
O director de Augas de Galicia reiterou que Galicia entrou en situación de alerta por seca hidrolóxica, debido aos baixos niveis de caudal circulante que levaban os ríos e esta situación non se reverte polo paso de varias borrascas; pois a Comunidade galega sufriu os efectos de cinco estacións meteorolóxicas secas ou moi secas continuas.
Aclarou que é certo que os indicadores experimentaron unha melloría significativa, pero isto non significa que agora xa sobre auga e se teña recuperada a normalidade nos recursos e, insistiu na necesidade de facer un uso e consumo responsable os 365 días do ano.
Nese sentido, o director de Augas de Galicia avanzou que nos vindeiros días se enviará unha carta aos concellos para trasladarlles a nova situación para que cada un adapte a xestión dos recursos hídricos á nova situacións; que en todo caso pasa por seguir recomendando prudencia ata que se consolide a situación de normalidade.






















A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.



