Lugo, 10 de abril de 2018. O Presidente, Darío Campos Conde, informou da aprobación na Xunta de Goberno Extraordinaria deste martes dos convenios de cooperación entre a Deputación e os Concellos da Fonsagrada, Pol e Trabada para a prestación pública de servizos sociais nos centros da terceira idade destes municipios. Os convenios garanten aos lucenses o acceso universal ás 94 prazas de residencia e 58 de centro de día destas dotacións.
Para o cumprimento deste fin, a Deputación comprométese cun investimento de case 3,5 millóns de euros en catro anos. É o orzamento que tería que destinar para financiar o 100% das prazas a maiores da provincia con dificultades económicas durante dito período. Son 1.152.000 euros para cada un dos centros da terceira idade: A Fonsagrada, Pol e Trabada. (1.152.000 euros en catro anos x tres centros = 3.456.000 euros)
Os convenios garanten prazas para lucenses e o seu acceso universal ás mesmas, con independencia da distinta situación económica de cada un dos maiores da provincia. Deste xeito, establecen que as prazas sexan en primeiro lugar para veciños do municipio onde se sitúa o centro, logo para os da bisbarra ou comarca e seguidamente para lucenses en xeral. A Deputación achega ata 600 euros/mes por praza de residencia e 300 euros/mes/xornada completa por praza de centro de día. De non seren suficientes estas cantidades, o organismo provincial tamén asume o déficit existente ao seren centros de Concellos de menos de 5.000 habitantes e, polo tanto, con menos recursos económicos.
Estes convenios garanten aos lucenses as seguintes vantaxes con respecto aos centros públicos da Xunta: 1) Os veciños terán praza no seu propio Concello ou nun limítrofe, non tendo que abandonar o seu entorno habitual. Moitos veciños están hoxe en residencias fóra do seu municipio e ata da nosa provincia. 2) Todos os maiores da provincia poderán acceder aos centros da Deputación e os Concellos con independencia da súa capacidade económica. Por exemplo, un maior cunha pensión non contributiva contará con toda a axuda pública necesaria para dispor dunha praza de residencia ou de centro de día no seu municipio. 3) Os veciños non terán que esperar tanto tempo pola súa praza, pois non entrarán nunha bolsa autonómica, agardando meses e meses.
As prazas recoñecidas oficialmente nestes centros son: Trabada, 30 de residencia e 20 en centro de día; A Fonsagrada, 28 de residencia e 20 en centro de día; e Pol, 36 en residencia e 18 en centro de día. Total: 94 en residencias e 58 en centros de día.
Prestación pública do servizo
Os técnicos aclaran que a privatización supón a venda dun ben público, feito que non acontece cos centros de maiores; e expoñen que existen dous modelos de xestión pública: o directo, con contratos de servizos onde o control reside nas institucións; ou o indirecto, con contratos de concesión do servizo onde se perde dito control. Os convenios recollen que Deputación e Concellos asumen a prestación pública do servizo nas residencias e centros de día, empregando para elo todos os recursos dispoñibles (dende persoal a servizos de auga, saneamento, recollida de lixo, mantemento, limpeza…) e atendendo ás limitacións fixadas na lexislación orzamentaria e de emprego público. Tendo en conta ditos límites legais, fíxase acudir ao modelo de xestión pública directa e apuntase, textualmente, que en ningún caso se poderán celebrar contratos que supoñan a xestión indirecta, como o contrato de concesión de obras ou servizos.
Os convenios establecen medidas de control público como, por exemplo e entre outras: a creación dun equipo técnico especializado en servizos sociais, responsable da calidade, integridade e transparencia das prestacións, así como un grupo de mantemento especializado nos equipamentos residenciais; garantir a intervención e control público do acceso aos centros de atención a persoas maiores e das prestacións que se realicen, mediante instrumentos colexiados de selección paritarios nos que participe o Concello sede e a Deputación, cunha composición ao 50% por cada parte; ou a colaboración coa Universidades, centros de ensino e entidades sen ánimo de lucro para un axeitado desenvolvemento de prestacións sociais.
Demandas á Xunta
Os convenios recollen reclamar á Xunta de Galicia, administración galegas coas competencias directas na materia, o financiamento correspondente para o custe das prazas en cumprimento co artigo 64 bis da Lei de Servizos Sociais de Galicia, así como a concesión dos permisos de inicio de actividade.



















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



