É curioso o comportamento dialéctico de certos políticos locais á hora de facer oposición e criticalo todo porque “todo vale”, esquecendo que no pasado eles mesmos tiveron responsabilidades de goberno e son cómplices das críticas actuais. Mais esta actitude é case comprensible porque xa están aí as próximas eleccións municipais e hai que marcar territorio para non ser esquecido pola cidadanía e gañar puntos dentro do partido para non ser desprazado.
Esta reflexión inicial vén a conto do comportamento político do Grupo Municipal do Partido Popular de Burela, co seu voceiro-ausente/presente á cabeza, disparando sen ton nin son contra todo o divino e o humano. Pero a memoria da xente non é tan fráxil. Despois de doce anos de goberno municipal do Partido Popular en Burela agora eles ven a palla no ollo alleo pero non ven a viga no propio. E estoume referindo, en concreto, ás últimas declaracións do grupo municipal popular falando do mal estado da auga (hai que ter cara!!!) e “esixindo” que os orzamentos do Concello foran aprobados este mes de febreiro, cualificando ao equipo de goberno de “irresponsabilidade política”. Entón, como teriamos que denominar a actitude do Partido Popular de Burela que aprobou, sendo alcalde o actual portavoz da oposición o sr. González Barcia, os orzamentos do ano 2006 no mes de maio? Irresponsabilidade política, falta de traballo, vagancia, deixadez… (e iso que eran cinco persoas a cobrar das arcas municipais…). E é que a caradura política chega a límites insospeitados.
Como é posible que algúns falen de despilfarro e contención do gasto público cando deixaron o Concello con case trinta millóns das antigas pesetas en facturas que non tiñan consignación presupostaria? É dicir, o Partido Popular de Burela marchou do goberno municipal en xuño de 2007 deixando case trinta millóns de pesetas gastadas de máis en só medio ano. Isto si que é contención do gasto público…!!. E como poden falar de despilfarro cando algunhas destas mesmas persoas cobraban hai anos 24 euros ao día cada vez que “ían” polo Concello dar unha volta?
Pero a xente non perdoa nin esquece. E non esquecemos a sucia campaña electoral que fixo o PP galego nas pasadas eleccións autonómicas porque agora vemos que todo era mentira e que enganaron ao pobo coas súas promesas electorais. Porque o Partido Popular prometeu, no compromiso do sr. Feijoo coa cidadanía en precampaña, que “combater o paro era a máxima prioridade do goberno” así como “recuperar a senda da creación de emprego”. E, porén, o paro na nosa terra sobe cada vez máis. Están vostedes, señores e señoras do Partido Popular, máis preocupados por destruír o feito polo anterior goberno galego (eliminaron a gratuidade dos libros de texto, derrogaron o decreto eólico, privatizan o sistema de benestar galego e a sanidade, recortan os dereitos da nosa lingua…) que por traballar e sacar o noso país da crise xerando emprego. Porque esa é a realidade. Despois de case un ano de goberno do Partido Popular na Xunta o único que fixeron foi destruír en vez de crear (por certo, cabería aquí aquel comentario de “nunca ningúen destruíu tanto en tan pouco tempo”).
E os tempos de crise actuais non admiten este comportamento político tan irresponsable. Iso si, fálase moito de “auteridade” por parte do goberno galego pero despois a realidade é outra. E podemos poñer algúns exemplos: gastar case 50.000 euros en cambiar as galiñas azuis das Galescolas, 200.000 € en explicar ás familias por carta que se lles ía recortar a gratuidade dos libros de texto, outros tantos miles de euros na famosa enquisa aos pais e ás nais sobre o galego, adxudicar por case 30 millóns de euros nun contrato sen concurso a xestión do Hospital do Centro Galego de Bos Aires a unha empresa privada, esquecer o software libre e dar miles de millóns por licenzas informáticas, criticar o “despilfarro” dos coches oficiais da Xunta e non só non vendelos como prometeron senón comprar algúns máis… Son tempos de crise e de recorte de gastos e estas son as actuacións dos nosos gobernantes galegos. Iso si, podémonos permitir o luxo de “devolver” máis de 19 millóns de euros de fondos europeos para a formación e o emprego porque a Consellería de Traballo non os gastou.
E despois quedamos mal noutras cousas: é moi triste pensar que a Xunta de Galiza só aportou 15.000 euros para axudar a Haití (cando outras comunidades achegaron entre 300.000 e 600.000 euros) e os veciños e veciñas de Burela fomos capaces de aportar case 5.000 euros.
Pero, como dicía antes, é moi fácil ver a palla no ollo alleo e non a viga no propio. Porque ante todas estas actuacións do goberno galego aínda hai algúns que esixen ao goberno municipal o que non está facendo o goberno galego. Mais iso si, á Xunta agora non se lle pode esixir nada (é curiosa a voráxine política do Partido Popular de Burela reclamando cousas ao anterior goberno e agora cala para reclamarllas ao goberno do PP). Este é o comportamento habitual do grupo municipal do PP de Burela, co seu voceiro-ausente/presente á cabeza: exculpar á Xunta de calquera responsabilidade no seu labor de goberno e criticar o labor do goberno municipal a base de deixarse caer de vez en cando polo Concello para mirar papeis.
O equipo de goberno municipal está traballando para que Burela medre (algo que non debe querer o Partido Popular), para mellorar os nosos servizos e infraestruturas, para apoiar os nosos maiores e pequenos, para desenvolver o deporte, a cultura, o comercio… para que a xente se sinta a gusto e orgullosa de vivir en Burela. E isto vese no día a día e tamén nos papeis: máis de 800.000 euros xestionados polo equipo de goberno no ano 2009 a través de subvencións para persoal, servizos e obras no noso pobo.
A realidade é teimuda e os comportamentos políticos aí están. Que cada persoa reflexione e valore. E nas próximas eleccións municipais verémonos (algúns si e algúns, ao mellor non…)
Neves Cando
Voceira do Grupo Municipal do BNG

















A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A saída será ás 10:00 desde El Bao, con autobuses ás 9:00 desde Navia, e a chegada arredor das 16:30 seguida dunha festa na dársena. As inscricións estarán abertas do 31 de maio ao 12 de xuño na Casa do Deporte ou en liña por 7 €. O Concello anima a participar nesta cita que combina natureza, deporte e convivencia.



