- O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou este luns “o valor do traballo artesanal e o compromiso coa calidade” que representa a queixería Don Crisanto de Vilalba, trasladando os parabéns a esta empresa familiar polo recoñecemento recibido nos Premios Alimentos de España 2025
O queixo Don Crisanto, elaborado baixo a Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, foi distinguido como o mellor queixo madurado de vaca e recibiu tamén o premio especial ao mellor queixo de España entre as 135 mostras presentadas.
- Semana de intensa actividade no Vicedo
O venres ás 20:30h pregón da Romaxe Viquinga a cargo do historiador e guía turístico oficial Suso Martínez, a continuación desfile polas rúas do Vicedo e cantos de taberna polos establecementos do Vicedo. Finalmente o sábado a 8ª Romaxe Viquinga na praia de San Román, coas actividades centrais habituais (desembarco, desfile, mercado, torneo a cabalo e enterramento) e con moita música tanto celta como tradicional galega con Pelepau, Perkusiona e o espectáculo Queiman Folki para rematar o evento.
- Este domingo tiveron lugar en Ribadeo a misa e a procesión na honra da Virxe do Carme
A tradicional procesión marítima é un dos momentos máis esperados e especiais destas festas. A cita foi amenizada polo Cuarteto Illa Pancha. Ducias de embarcacións acompañaron á Virxe do Carme, que se fixo á mar no barco do práctico, e surcaron as ondas da ría saíndo de Ribadeo e achegándose a Figueras e Castropol. Xa de volta, a Coral Polifónica de Ribadeo interpretou, entre outros temas, a Salve Mariñeira. Os actos contaron coa presenza do delegado territorial da Xunta en Lugo, do alcalde, de concelleiras e concelleiros da Corporación Municipal de Ribadeo, de representantes da confraría de pescadores, de Aduanas, do Galp A Mariña-Ortegal, de Acisa e da Policía Local, entre outros.
- Este sábado celebrouse a XXV Festa da Merluza de Celeiro, organizada pola Asociación Cultural Penalba
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou nos actos destacando o apoio do Goberno galego a este evento, declarado de Interese Turístico Galego, "que pon en valor o traballo das xentes do mar e a calidade dun produto recoñecido a nivel internacional". Tamén estivo presente a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López. A Deputación colaborou coa organización desta xornada cunha achega de 3.000 euros. Neste evento, que está declarado de Interese Turístico de Galicia, os asistentes puideron degustar a prezos populares o manxar elaborado de formas diferentes: en empanada, en caldeirada, á galega ou en salsa verde, entre outras.
- As crianzas do programa Cervo Concilia seguen desfrutando ao máximo das súas mañás de verán
Este xoves gozaron dunha xornada chea de diversión, con xogos grupais nos que aprenderon a colaborar e compartir, e actividades de manualidades onde deron renda solta á súa imaxinación. Un espazo para medrar, xogar e facer novas amizades.
- Marta Barreiro en Foz
A secretaria xeral Técnica, participou este mércores na Misa Solemne na honra da Virxe do Carme na Praza Conde de Fontao.
- A Piscina Municipal Olímpica do Concello de Cervo acolle estes días o I Campus de Verán de Natación Artística
Está organizado en colaboración coa Federación Galega de Natación (FEGAN). Unha semana para aprender, mellorar e gozar deste deporte tan espectacular. Este sábado, de 10:00 a 12:00, celébrarase a exhibición final na piscina municipal, aberta ao público para ver o traballo realizado durante o campus.