- Comezou o Taller de Emocións para nenos/as de Concilia Cervo
Unha primeira xornada chea de risas, descubrimentos e moita calma da man de Rosa, e das súas acompañantes caninas Vilma e Tila. Todos os martes, de 12:00 a 13:00 h, haberá este espazo no que aprenderase a identificar, expresar e xestionar o que se sinte dentro do programa Enredando no verán. Está dirixido a nenos e nenas de 3 a 6 anos. Inscricións para o Taller de emocións na Casa da Cultura: casadacultura@concellodecervo.com, tel: 982 595 157.
- Perde a vida un traballador tras caer dun camión en Ourol
O 112 Galicia recibiu o aviso ás 5:30 horas desta madrugada de martes. Cando sucedeu o accidente, a vítima estaba a traballar no servizo de recollida de lixo, na Rúa da Igrexa, en Ourol. Alí acudiu unha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, quen deu a voz de alerta. Sen embargo, nada puido facerse por este traballador, do que avanzaban quedou inconsciente tras a caída do camión da recollida do lixo. Para apoiar as labores do equipo médico, desde o 112 Galicia, solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil de Ourol.
- O mercado da Praza Maior de Viveiro trasladarase o xoves, 3 de xullo, aos Xardíns Noriega Varela
O cambio de emprazamento débese á celebración do Mercado Renacentista.
- O alumnado de 6º curso de Educación Primaria do Colexio Sagrado Corazón, de Ribadeo, celebrou cun evento o seu paso á ESO
No acto estiveron acompañados das súas familias e das titoras, Vanesa e María Julia. “A partir de setembro afrontan a última etapa no Colexio Sagrado Corazón, espéranos novos coñecementos e experiencias. Moita sorte”, dixo a directora do centro, Begoña Sanjurjo.
- O deputado de Rural, Daniel García, achegouse á rapa das bestas do Campo do Oso, que se celebrou este domingo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación
Centos de persoas seguiron ao traballo das aloitadoras e aloitadores para rapar e identificar os cabalos baixados do monte dentro do curro, unha tradición que as ganderías de Santa María Maior manteñen xeración tras xeración. A xornada acolleu tamen unha degustación de hamburguesas de carne de poldro de Pura Raza Galega, encadrada dentro do programa de promoción de produtos de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural degusto.
- O Museo Etnográfico de Trabada acolleu este sábado a xornada "Saberes e Sabores do Eo"
Estivo organizada pola Asociación de Produtoras Eo Alimenta coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación. Cun programa lúdico e de divulgación -cunha charla sobre toponimia de Trabada con Xulia Marqués-, a asociación organizou unha degustacións de petiscos con produtos de horta ecolóxicos cultivados na comarca e na provincia.
- Este venres desenvolveuse nun día sollleiro a excursión ao Labirinto de Rinlo que planificaron os Concellos de Alfoz e Valadouro para promover alternativas de lecer e fomentar a convivencia na rapazada dos dous concellos que integran o val
As expectativas e as gañas de pasalo ben dos nenos e nenas de Alfoz e Valadouro vironse cumpridas plenamente. Nun espazo distinto en contacto coa natureza, dividido entre campo de xogos e labirinto, os rapaces en alegre compañeirismo foron un constante bule bule ata a hora de volver a casa. Coas vacacións recén estreadas, este evento foi unha experiencia moi satisfactoria para emprender de novo no futuro. A Alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda e a Concelleira de Deportes de Valadouro, Ana Rubal presentes na actividade, agradeceron o bo facer e a amabilidade do persoal do Labirinto e por suposto a confianza das familias por apostar por esta nova iniciativa.