- O PSOE de Viveiro felicita á organización da Camovi, así como ao voluntariado, participantes e administracións implicadas, polo éxito dunha cita que xa é referente nas carreiras de montaña
Viveiro, 20 de abril, 2026. A proba volveu converter Viveiro nun punto destacado do deporte e da convivencia, ademais de supoñer un impulso económico para o municipio. María Loureiro destacou que a Camovi “é un exemplo de colaboración e esforzo colectivo, que sitúa Viveiro no mapa e dinamiza a economía local”. O Partido Socialista lembra o seu apoio histórico á carreira e reafirma o seu compromiso para seguir contribuíndo ao seu crecemento. O PSOE agradece tamén á veciñanza a súa acollida e implicación, fundamentais para que o evento continúe medrando ano tras ano.
- A deputada de Cultura, Iria Castro, asistiu este domingo á Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, organizada pola Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros. Participou no acto inaugural, con pregón do actor Luis Besteiro, e visitou as demostracións dos ferreiros locais e doutros puntos de Galicia e España
Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
- O vicepresidente da Deputación Efrén Castro achegouse este domingo á Camovi de Viveiro, que reuniu un milleiro de corredoras e corredores nas diferentes probas que se celebraron durante a fin de semana -C42K, C21K,C10K, C42K RELEVOS, Camovi KIDS e unha andaina-
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
- O Centiño enche Marzán cunha nova representación de “O Autobús”
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada
- O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou este sábado xunto ao Alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña, nos actos da XVI edición da Festa do Viño, que reuniu a centos de persoas neste municipio e que se consolida como referente do calendario enolóxico da provincia
A xornada contou con degustación gratuíta de viños elaborados por adegas da contorna, unha cata comentada e un mercado de produtos gastronómicos locais, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man a riqueza do produto de proximidade. O pregón desta edición correu a cargo de Alejandro Gándara, quen presentou o seu proxecto audiovisual 360 curvas, unha obra que reflexiona sobre a distancia entre A Fonsagrada e Lugo e sobre o conflito social e político asociado á perda da súa condición de cabeceira de comarca, no marco da loita contra a despoboación.
- O Festival da Ostra de Castropol 2026 celebrarase do 30 de abril ao 3 de maio
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
- A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, asistiu este mércores en Vilalba á saída da segunda etapa de O Gran Camiño 2026, que conectou a Terra Chá coa Mariña lucense
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.